O 2 xuño, solemnidade de Corpus Christi e Día da Caridade, a diocese de Tui-Vigo renovou a súa devoción ao Santísimo Sacramento. O bispo e administrador apostólico, Mons. Luís Quinteiro, presidiu a misa solemne, pola mañá, na catedral tudense e, pola tarde, na concatedral-basílica en Vigo, seguida, en ambos os casos da tradicional procesión, que constitúe unha oportunidade para que os católicos dean testemuño público da súa fe.
Mons. Luís Quinteiro expresou que «a eucaristía é a perla, o tesouro, o corazón da nosa fe» e, a través da solemnidade de Corpus Christi, «queremos renovar a nosa fidelidade á eucaristía», para non vivila como algo rutineiro. Neste sentido, o prelado manifestou que «se somos fieis á eucaristía, a Igrexa renovarase», porque «a eucaristía significa vivir a nosa vida de fe onde estamos, ser caritativos, axudar aos irmáns, atender ao que está só e necesitado, dar para comer ao que pasa fame… O mundo de hoxe necesita de persoas xenerosas, que sexan capaces de renovar os modos sendo fieis á súa conciencia, aos grandes valores da vida».
Nesta festa do Corpo e o Sangue de Cristo, rememórase que Cristo está presente verdadeira, real e substancialmente no pan e o viño consagrado; unha presenza que se prolonga fóra da misa no sagrario. Neste día, a Igrexa tamén celebra o Día da Caridade, baixo o lema «Alí onde nos necesitas, abrimos camiño á esperanza».