14 de Maio de 2026,
San Matías

A Diocese de Tui-Vigo reza pola paz co Papa

A Diocese de Tui-Vigo reza pola paz co Papa

Benquerido irmán:

         Na bendición Urbi et Orbi do pasado Domingo de Pascua, o papa León invitaba a todos os cristiáns a participar nunha vixilia de oración pola paz o vindeiro 11 de abril.

Recordábanos que a paz de Xesús é a que toca e transforma o corazón de cada un nós. Convirtámonos a esa paz de Cristo!

            Estamos a vivir unha situación social ben complicada, envolta en tensións, violencias, e guerras, con todo o que iso supón para tantos milleiros de persoas. É urxente acabar coas dinámicas de guerra, os discursos que nos separan e toda acción violenta, e non cansarnos de orar e traballar pola paz.      

         Invítovos a que participemos nesta iniciativa que nos fai o Papa, e que o fagamos desde as nosas parroquias, grupos, familias e comunidades. Podémolo facer ofrecendo a celebración da Eucaristía por esta intención, recordándoa no momento da oración dos fieis ou do xeito que creas máis conveniente.

         Tamén animo ás comunidades de vida consagrada e contemplativa a que na súa oración comunitaria teñan presente esta intención, facendo da pregaria comunitaria, un berro de paz.

         Grazas por todo, o teu amigo e irmán

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo