Coincidindo co Día Universal do Neno, o luns 20 de novembro, a Igrexa en España celebra unha xornada de oración e penitencia polas vítimas de abusos sexuais, convocada pola Conferencia Episcopal Española. A diocese de Tui-Vigo convida a todas as parroquias e fieis da xeografía diocesana a sumarse a esta xornada. Con carácter diocesano, haberá unha celebración ás 19 horas do luns 20, na concatedral-basílica de Santa maría de Vigo.
Para a celebración desta xornada, distribuíronse unha serie de materiais litúrxicos, que inclúen un fragmento do discurso do papa Francisco aos membros da Comisión Pontifica para a Protección de Menores, o pasado ano. Nel, expresou que «o abuso, en calquera das súas formas, é inaceptable» e pediu «a todo membro de la Iglesia, segundo o propio estado, asumir a responsabilidade de previr os abusos e traballar pola xustiza e a sanación».
En 2017, a Conferencia Episcopal Española instaurou esta xornada de oración e penitencia polas vítimas de abusos sexuais, coincidindo co Día Universal do Neno que se celebra todos os anos o 20 de novembro desde 1989, data na que se acordou o texto final da Convención sobre os Dereitos do Neno.