5 de Marzo de 2026,
San Lucio

A diocese prepárase para o 800 aniversario da catedral cun proxecto cultural

A diocese prepárase para o 800 aniversario da catedral cun proxecto cultural

O pasado xoves 10 de abril, as oficinas da Curia diocesana en Vigo acolleron a primeira reunión do Comité Científico conformado por expertos das dioceses de Tui-Vigo, Santiago, Braga e Viana do Castelo, para desenvolver un proxecto cultural co que celebrar o 800 aniversario da catedral tudense, previsto para o ano 2025-2026. Finalizada a reunión, na que tamén participou o prelado tudense, monseñor Antonio Valín, como responsable de Patrimonio da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela, os membros do comité subiron ata o monte da Guía, onde se sacaron unha fotografía de grupo.

O proxecto, aínda en cernes, xorde non só con motivo do 800 aniversario da catedral tudense, senón como un previo a tres grandes acontecementos que terán lugar no ano 2027 en Galicia e o norte de Portugal: o Ano Santo compostelán, o 50 aniversario da constitución da diocese de Viana do Castelo e a constitución de Braga como capital europea da cultura. Entre as diversas actividades que se están desenvolvendo, está a exporse unha exposición itinerante que se inaugurará en 2026 prolongándose ata o seguinte ano, baixo o título «Tui-Valença no camiño. De Braga a Compostela».

A delegación de Patrimonio da diocese de Tui-Vigo explicou que se trata dunha «valiosa oportunidade para destacar a unidade na fe das comunidades cristiás de Galicia e Portugal, á vez que se reforza o vínculo histórico e espiritual da sociedade galaico-miñota». Constitúe, noutras palabras, o inicio dun camiño sinodal entre as dioceses galegas e lusas para establecer un traballo coordinado e conxunto, cuxo eixo principal sexa a cultura e a arte, como medio principal de evanxelización.