Dous mozos do Seminario Maior de Vigo recibirán a Orde do Presbiterado e outros dous o Diaconado
O vindeiro domingo, 4 de xullo, ás 18 horas, a diocese de Tui-Vigo retransmitirá en streaming, a través da sua canle de YouTube, a celebración eucarística na que catro mozos recibirán o sacramento da Orde de mans do bispo Mons. Luís Quinteiro Fiuza na catedral tudense: Jesús García e Gabriel Gómez serán ordenados presbíteros mentres que, por outra banda, Ramiro Álvarez e José Emilio Veiga achegaranse ao ministerio sacerdotal mediante a súa ordenación como diáconos.
O sacramento da Orde, sacramento polo que algúns fieis son constituídos ministros sacros, comprende tres graos: o episcopado, o presbiterado e o diaconado. Jesús e Gabriel entrarán a formar parte do presbiterio diocesano, converténdose en colaboradores do bispo en diversas tarefas, entre as que poderiamos destacar a celebración dos sacramentos da Eucaristía e da Reconciliación.
Como diáconos, paso previo ao sacerdocio, Ramiro e José Emilio poderán asistir ao bispo e aos presbíteros na celebración da Eucaristía e na distribución da mesma; asistir á celebración do matrimonio e bendicilo; proclamar o Evanxeo e predicar; presidir as exequias; e entregarse aos diversos servizos da caridade.
Actualmente, segundo últimos datos enviados á Conferencia Episcopal Española, a diocese conta con 165 sacerdotes incardinados —sen contar aqueles que pertencen a unha orde relixiosa, pero exercen o seu ministerio neste territorio diocesano— e 4 diáconos permanente que desenvolven a actividade pastoral e sacramental da Igrexa de Tui-Vigo.
Candidatos ao ministerio do Presbiterado:
- Jesús García Lourido (Chapela, 1991) estudou Restauración en Pontevedra antes de entrar no Seminario Maior de Vigo. En outubro de 2020, o bispo nomeoulle diácono adscrito á parroquia do Sacro Corazón de Jesús en Vigo. Ademais, colabora asiduamente coa delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria.
- Gabriel Gómez García (Vigo, 1995) estudou no Seminario Menor San Pelaio de Tui antes de entrar como seminarista no Seminario Maior San José de Vigo. En 2020, conseguiu o posgrao de Experto en Comunicación Social da Universidade Pontificia de Salamanca. A súa etapa de diácono transcorreu na parroquia do Sagrario da Catedral de Tui.
Candidatos ao ministerio do Diaconado:
- Ramiro Álvarez Martínez (Arbo, 1979) estudou música no Conservatorio Nacional do Porto, especializándose en frauta travesa e canto. Durante varios anos, exerceu como músico, profesor e director de diversas corais ata que no ano 2015 dá o paso ao Seminario Maior Compostelán. En 2018, debido aos problemas de saúde do seu pai pide o traslado para o seminario vigués.
- José Emilio Veiga Balseiro (Redondela, 1988) traballou no sector naval tras terminar os seus estudos de bacharelato. A súa vocación sacerdotal está marcada pola súa pertenza á comunidade parroquial de San Román de Saxamonde, especialmente polo seu párroco, o centenario sacerdote Francisco Gago.