O bispo Luís Quinteiro presidirá os actos do Triduo Pascual desde a Concatedral viguesa
O domingo de Pascua a eucaristía será presidida na Catedral de Tui.
O bispo Luís Quinteiro presidirá as celebracións do Triduo Pascual na Concatedral-Basílica de Santa María. Para facilitar o acceso aos actos que terán un aforo reducido e, especialmente, para as persoas con problemas de saúde ou mobilidade reducida, a Diocese de Tui-Vigo retransmitirá a través da súa canle de Youtube estes actos.
Ás 18:30 horas do Xoves Santo celebrarase a misa vespertina da Cea do Señor, coa que se inicia o Triduo Pascual e, na tradición católica, lémbrase a institución da Eucaristía (en memoria á fracción do pan e o viño de Jesús entre os seus discípulos), a institución da Orde sacerdotal e o mandamento do amor fraterno.
Tamén o Venres Santo á mesma hora (18:30 da tarde) celebrarase o oficio da Paixón do Señor, co que a Iglesia conmemora o seu propio nacemento e a súa misión de estender o Evanxeo. O Venres Santo nunca hai misa, no seu lugar celebrarase a liturxia da Palabra na que se proclama o Evanxeo da Paixón, tras a que se distribúe a sacra comuñón, finalizando cun intre de adoración á Cruz.
Durante a Vixilia Pascual que comezará ás 19:30 horas da tarde, a Iglesia espera a Resurrección e celébranse —se os houbese— os sacramentos de iniciación cristiá (bautismo, primeira comuñón e confirmación). A procesión do lucernario que habitualmente levan a cabo no exterior do templo queda suprimida e, durante a bendición do lume, os asistentes deberán estar nos lugares sinalizados no interior da igrexa.
A Semana Santa da Diocese de Tui-Vigo finalizará o domingo de Resurrección, 4 de abril, coa eucaristía presidida polo bispo na catedral tudense. Será ás 12 da mañá. Ese mesmo día pola tarde dará comezo a novena en honra a san Telmo, patrón da Igrexa de Tui-Vigo.
Desde a Diocese de Tui-Vigo lembramos aos fieis a importancia de participar activamente nos actos destes días, sempre mantendo os aforos e as medidas de hixiene e seguridade estipuladas polas autoridades sanitarias. Tal e como declaraba o bispo Luís Quinteiro, nunha entrevista publicada onte en COPE Vigo, os medios dixitais representan «un gran soporte para a fe pero onde se vive, en esencia, é na presenza».