A comunidade parroquial do Salvador de Teis e a confraría de Xesús Nazareno e da Santísima Virxe das Dores están de celebración porque, este ano, a imaxe da Dolorosa lucirá nova coroa, manto e saia, durante a procesión do Xoves Santo que se celebrará no distrito de Teis . O encargado de coroar á virxe co seu novo ornamento será o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, durante a eucaristía que terá lugar no templo parroquial do Salvador, ás 19 horas do venres 31 de marzo, coincidindo co popular «venres de dores».
«Quixemos engrandecer a imaxe da virxe; darlle a categoría que ten de nai, de raíña; coidala e querela. Pareceunos que era o momento de facerlle este agasallo», explica Matilde Garrido, actual presidenta da confraría. Grazas á achega económica que anualmente realizan máis de 300 membros da confraría, púidose adquirir esta nova coroa, para substituír a diadema de prata que portaba ata o momento. Ademais, tamén estrea saia e un manto feito en Sevilla que regalou un confrade.
Desde que é presidenta da confraría, Matilde Garrido explica que «crecín en amor, agarimo e devoción á Dolorosa. Creo que, ao coidar á virxe e difundir a devoción, a xente rézalle máis e a parroquia vibra máis. Para min, é un orgullo ser a presidenta da confraría. Dá os seus desvelos e as súas preocupacións, pero tamén dá moitas alegrías e satisfacción, porque traballar pola virxe é moi reconfortante».
A confraría de Xesús Nazareno e da Santísima Virxe das Dores de Teis nace en 2006 . A imaxe da Dolorosa que conservan na igrexa do Salvador de Teis non está datada por falta de rexistro, pero a devoción, que se transmitiu a través da tradición oral, é antiga porque «as persoas maiores —explica Matilde—, en especial, unha muller de 95 anos de idade lembra, de toda a vida, a imaxe e tamén lembra que, de nena, falábanlle da devoción da virxe das Dores. O Nazareno, en cambio, sabemos que o regalou, en 1812, o párroco daquel entón, don Agapito».