9 de Outubro de 2024

,

San Dionisio
9 de Outubro de 2024

,

San Dionisio

A espiritualidade en Cáritas, unha riqueza que conduce ao encontro con Cristo

A espiritualidade en Cáritas, unha riqueza que conduce ao encontro con Cristo
FOTO.- Mons. Luis Quinteiro presidió la Eucaristía de la Caridad en la concatedral-basílica de Santa María en Vigo | © Diocese de Tui-Vigo

Do 28 de maio ao 2 de xuño, Cáritas Diocesana de Tui-Vigo organizou a XIX Semana da Caridade, baixo o lema «Alí onde nos necesitas, abrimos camiño á esperanza». A través dos diferentes actos, foi unha oportunidade para descubrir que a espiritualidade en Cáritas é unha riqueza que axuda transforma a acción caritativa nunha experiencia de encontro con Cristo.

Mons. Vicente Martín, delegado de Cáritas Española e bispo auxiliar electo de Madrid, foi o encargado de inaugurar os actos coa conferencia «A espiritualidade na acción caritativa», que tivo lugar nos locais parroquiais de María, nai do bo pastor, o 28 de maio. Durante o seu relatorio, Mons. Martín expresou que «necesitamos unha mística que anime e motive o noso compromiso» e, neste sentido, subliñou que «a espiritualidade axuda a superar os desánimos e os cansazos e, sobre todo, a espiritualidade en Cáritas axúdanos a descubrir e a facer do noso servizo unha experiencia de encontro con Cristo». Ao día seguinte, os sacerdotes tiveron a oportunidade de atopar co delegado de Cáritas Española no Seminario Maior «San Xosé» en Vigo.

O 29 de maio, tamén na parroquia viguesa dos pais capuchinos, o relixioso franciscano Mikel Hernasanz explicou a relación que hai entre a espiritualidade e a caridade no labor de Cáritas, mediante o relatorio «A caridade, fonte de espiritualidade. A espiritualidade, alimento da Caridade». O relixioso explicou que «un labor sen espiritualidade, sen saber desde onde o facemos, sen beber da fonte que é o Evanxeo, ten o perigo de acabar en voluntarismo, na queixa ou en que nos busquemos demasiado a nós mesmos» e, por iso, «a espiritualidade é unha riqueza».

A celebración diocesana do Día da Caridade foi presidida polo bispo e administrador apostólico de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, na concatedral-basílica de Santa María, o xoves 30 de maio. Durante a súa intervención, Mons. Luís Quinteiro puxo en valor a alegría da mensaxe de Cáritas, que nos convida a «compartir a vida cos outros, e vivir o que somos en comuñón cos demais». Neste sentido, o bispo expresou que «traer a alguén a Cáritas é darlle a enorme oportunidade de comprender o que é amar, o que é dar, a alegría que supón o abrirnos aos demais».

A Semana da Caridade culmina o domingo 2 de xuño, día no que a Igrexa conmemora a solemnidade do Corpus Christi —a festa do corpo e sangue de Cristo— e, polo tanto, o Día da Caridade, que se celebrará tamén en cada unha das parroquias da diocese. Na súa mensaxe con motivo desta xornada, os bispos da Conferencia Episcopal Española sinalaron que «celebrar a Eucaristía é comulgar con Xesús e o seu proxecto do Reino para vivir cada día de maneira máis entregada, traballando por un mundo máis humano». Esta misión require chegar ás persoas, alí onde estean, logrando, ante todo, «recoñecelos realmente», para facelos «parte da nosa vida».

Semana de la Caridad 2024 | © Diocese de Tui-Vigo
« de 15 »
Facebook
Twitter
Email
WhatsApp