O 11 de maio, na parroquia de Santa Mariña de Cabral, a delegación de Pastoral Familiar da diocese de Tui-Vigo organizou o II Encontro diocesano de Familias, un espazo para conectar con diferentes realidades familiares: solteiros, viúvos, matrimonios, axentes de Escolas de Familias e novas, entre outros. Durante a xornada, subliñouse a importancia da familia como lugar de encontro e acollida, que debemos coidar.
A xornada comezou cun momento distendido no que os asistentes, procedentes de diferentes parroquias da diocese de Tui-Vigo, puideron coñecerse mellor. A continuación , houbo espazo para o traballo en equipo e a reflexión mediante unha gymkhana, previa ao momento de oración no que se presentaron as necesidades das familias; tamén se realizou unha acción de grazas. Finalmente, tras unha comida de confraternización e unha tarde de xogos en familia, todos os participantes tiveron a oportunidade de compartir e valorar o encontro, momento no que manifestaron o desexo de repetir este tipo de encontros en máis ocasións. Neste sentido, a delegación de Pastoral Familiar de Tui-Vigo destaca que foi unha xornada, na que intercambiar reflexións e experiencias, así como unha oportunidade para ampliar familia.
Ao longo do curso pastoral 2023-2024, esta delegación diocesana quixo promover a pastoral familiar seguindo as liñas marcadas polo papa Francisco na exhortación apostólica Amoris Laetitia. Así, impulsou catro liñas de acción crave neste ámbito da pastoral: a difusión do contido da exhortación; o encontro e a formación dos axentes de pastoral familiar, a través dos encontros «Construíndo Familia»; o acompañamento familiar; e a dinamización do Centro de Escoita diocesano.