Coincidindo coa festa da natividade da virxe María, o domingo 8 de setembro, a parroquia da nosa Señora da Franqueira celebrou a romaría en honra á súa patroa cunha eucaristía solemne presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín. Tras a celebración que estivo harmonizada pola coral «O son dos cantares» de Tameiga-Mos , a imaxe da virxe procesionou, como é habitual, tirada polo carro de bois; a continuación, no atrio do santuario, a mocidade da parroquia ofreceron danzas en honra á virxe e interpretouse o drama de «O cristián e o mouro».
Desde o 25 de agosto, no santuario da Franqueira vénse celebrando diariamente a novena e a eucaristía en honra á súa patroa. Entre os actos organizados con motivo desta romaría, cabe destacar a XVI Peregrinación da Mocidade ou o triduo predicado polo sacerdote Juan de Olazabal, vicario parroquia do Sacro Corazón de Xesús e San Francisco Xavier en Vigo. Así mesmo, a véspera da natividade da virxe, a misa solemne foi presidida polo sacerdote Gabriel Gómez, párroco do Divino Salvador de Soutomaior e animada litúrxicamente polo coro parroquial de Soutomaior; pola noite, celebrouse a procesión de fachos co rezo do rosario.
Os actos finalizarán o 22 de setembro coa tradicional «festa dos poxos», cuxa recadación será destinada á caridade. Ademais, haberá misas ao longo de todo o día —pola mañá, ás 9.00, 10.00, 11.00 e 12.00 e, pola tarde, ás 17.00 e 18.00 horas—; a misa solemne, ás 12.00 horas, presidiraa o P. Edgardo César, OP, presidente da CONFER de Tui-Vigo e párroco do Cristo da Vitoria en Vigo; ao termo da eucaristía a imaxe da virxe procesionará e haberá actuación da agrupación «Folieiros de Lavadores».
A parroquia da nosa Señora da Franqueira tamén informa que os sábados 14 e 21 de setembro, haberá misas ao longo de todo o día: ás 9.00, 10.30, 12.00 e 18.00 horas. O sábado 28, tan só celebrarase a eucaristía ás 09.00 e ás 18.00 horas; ao día seguinte, coincidindo coa Xornada Mundial dos Migrantes, celebraranse misas ás 10.00, 11.00, 12.00 e 17.00 horas.