O domingo, 17 de marzo, ás 17.30 horas, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, presidiu a eucaristía no templo parroquial de San Miguel de Riofrío, con motivo da restauración das cubertas da igrexa que foi posible grazas ao convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e as dioceses da comunidade autónoma de Galicia.A esta celebración de acción de grazas asistiron a directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez; o delegado e a subdelegada de Patrimonio da diocese de Tui-Vigo, Santiago Vega e Elvira Larrriba, respectivamente; e representantes das autoridades locais.
Durante a celebración, o párroco de San Miguel de Riofrío, David Juan Morado, agradeceu a colaboración de todas as persoas e institucións que fixeron posible a reparación das cubertas. Tamén o prelado tudense, Mons. Luís Quinteiro, lembrou que o coidado do patrimonio é unha tarefa de todos, para que a que é necesario crear sinerxías que o fagan posible, como así sucedeu en Riofrío. Ao finalizar, bendíxose o cruceiro do atrio da igrexa, tras a súa restauración a causa dun accidente provocado polo impacto dun vehículo que o derrubou.
Grazas a este convenio entre a Xunta de Galicia e as dioceses galegas, foi posible restaurar as cubertas da igrexa de San Miguel de Riofrío que se atopaban en mal estado, o que provocaba a entrada de humidade no templo. En total, a institución autonómica destinou 31.750 euros do orzamento á restauración das cubertas do templo parroquial de Riofrío.
Con motivo desta intervención, esta parroquia de apenas 450 habitantes tamén realizou un lavado e encintado do exterior da igrexa que suposto un investimento de 21.000 euros —a maiores da cantidade anteriormente—. Grazas á xenerosidade dos fieis, a parroquia puido sufragar 13.000 euros do custo total do lavado e encintado, mentres que o bispado de Tui-Vigo achegou os 8.000 euros restantes.
A través deste convenio, no ano 2023, a Xunta de Galicia destinou 250.000 euros para a realización de intervencións de protección, conservación e rehabilitación das igrexas parroquiais pertencentes ao patrimonio artístico de titularidade eclesiástica. No caso da diocese de Tui-Vigo, a partida orzamentaria correspondente destínase , cada ano, a algunha das parroquias rurais que conforman o territorio diocesano.