«TIC e IA para crear recursos interactivos na clase de Relixión» foi o título do curso de formación de profesores de Relixión que organizou a delegación de Ensino Relixioso Escolar da diocese de Tui-Vigo, en colaboración co Instituto Teolóxico Compostelán, entre os días 4 e 5 de abril. O Seminario Menor «San Paio» en Tui acolleu este curso que foi unha continuación das xornadas convocadas o curso anterior, que contaron cunha valoración moi positiva dos participantes.
A experta en TIC e novas tecnoloxías, María Sánchez Ballesteros, colaboradora do equipo didáctico da Editorial SM foi a encargada de impartir a formación. Durante as xornadas, a relatora explicou a maneira efectiva e dinámica de crear e usar recursos dixitais na aula. Tamén se abordaron diferentes aspectos do novo currículo da LOMLOE, referidos á dixitalización e os novos desafíos do ensino.
Todos os anos, a delegación diocesana de Ensino Relixioso Escolar organiza diversos cursos de formación para os docentes de Relixión, que se completan con dúas propostas espirituais durante o Advento e a Coresma. Así, a delegación busca transmitir ao profesorado a necesidade dunha renovación pastoral que pasa pola implicación nas nosas comunidades.

