O primeiro día do ano, a Igrexa celebra a Solemnidade de Santa María Nai de Deus, á que une a celebración da Xornada Mundial da Paz.
Na súa mensaxe para a xornada deste ano, a número 53, o Papa reflexiona sobre o don da paz como fundamento da esperanza e motor da nosa acción, especialmente ante os conflitos, inxustizas e sufrimentos dos máis débiles. “A esperanza”, afirma o Papa, “é a virtude que nos pon en camiño, dános ás para avanzar, mesmo cando os obstáculos semellan insuperables”. O Pontífice sinala como causantes frecuentes de guerras e divisións as actitudes de intolerancia, medo, egoísmo e soberbia; esta lóxica da ameaza e o medo “aumenta a fraxilidade das relacións e o risco de violencia, nun círculo vicioso que nunca pode conducir a unha relación de paz”. Para romper esta dinámica e construír camiños de entendemento e de paz, cómpre procurar unha verdadeira fraternidade “baseada na nosa orixe común en Deus e exercida no diálogo e a confianza recíproca”, xa que como afirma o Papa Francisco, “o desexo de paz está profundamente inscrito no corazón do home e non debemos resignarnos a nada menos que isto”.
Este camiño non se pode emprender senón é coa memoria, a conciencia moral e a vontade persoal e política: “o mundo no precisa palabras baleiras, senón testemuñas convencidas, artesáns da paz abertos ao diálogo sen exclusión nin manipulación”.
É, ademais, un camiño de respecto e reconciliación, que nos convida a vivir no perdón e “nos chama a atopar no máis fondo dos nosos corazóns a forza do perdón e a capacidade de recoñecérmonos como irmáns e irmás”, e que nos proporciona unha nova mirada sobre a vida, sobre os demais e sobre o mundo que nos leva a recoñecer a xenerosidade de Deus, creador de toda vida, convidándonos á “conversión ecolóxica”.
Le a mensaxe completa do Papa Francisco aquí.