Durante os días 30 e 31 de agosto, a delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria da diocese de Tui-Vigo organizou unha convivencia para a mocidade, coa que pechar este tempo estival nun ambiente de fraternidade, oración e, especialmente, evanxelización en Baiona e na Franqueira. Os mozos hospedáronse no convento de Vilariño , en Nigrán.
O 30 de agosto, na igrexa do mosteiro da Anunciada das dominicas de Baiona, os mozos e mozas desenvolveron a actividade «Unha luz na noite», que consiste en convidar a outros mozos e mozas para acudir á igrexa que, durante a noite, permanece aberta para acoller a todas aquelas persoas que desexen achegarse a experimentar un momento de adoración eucarística en compañía de mozos e mozas cristiás. Previamente, á apertura do templo, foi necesario aprender as claves deste método de nova evanxelización: como falar da fe aos demais ou como acoller ás persoas que se atopan por primeira vez inmersos nun momento de adoración.
Ao día seguinte, sábado, os mozos e mozas foron os encargados de organizar a XVI Peregrinación da Mocidade, no santuario da nosa Señora da Franqueira, con motivo da romaría que a parroquia celebra o 8 de setembro, coincidindo coa festa litúrxica da natividade da benaventurada virxe María. Mediante este tipo de iniciativas, a delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria quere ofrecer a mocidade espazos nos que conectar con outros mozos e mozas e crecer na fe, para que descubran así a súa vocación evanxelizadora e o seu compromiso cristián, sentíndose ao mesmo tempo parte da comunidade diocesana de Tui-Vigo.