Onte, 2 de decembro, a diocese de Tui-Vigo conmemorou o 799º aniversario da dedicación da catedral tudense, cunha eucaristía presidida polo bispo Mons. Antonio Valín Valdés, xunto ao presbiterio diocesano. Desde hai algúns anos, no marco desta celebración, a Vigairía para o Clero organiza unha xornada sacerdotal que ofrece un espazo de confraternización entre o clero; Daniel Goberna, cóengo da catedral e delegado diocesano para o Xubileu 2025, foi o encargado da meditación á que seguiu un momento de oración persoal.
Fe. Esperanza. Caridade. Os tres piares sobre os que se asinta o templo catedralicio, declarou o prelado: «a catedral de Tui naceu da fe e do esforzo dos antepasados que nos precederon no camiño da fe e no ser igrexa; da esperanza cristiá que soubo descubrir a un Deus que camiña no medio do seu pobo; da caridade, xa que aberta é nai amable e de todos, refuxio dos pobres e excluídos, que atoparon aquí protección e consolo». Así, Mons. Antonio Valín sumouse á acción de grazas que, desde o año1225, celebrou o pobo que peregrina na Igrexa de Tui-Vigo, con motivo da construción e dedicación esta igrexa nai da diocese.
Finalizaba o bispo de Tui-Vigo exhortando aos presentes para edificar «a nosa Igrexa viva sobre a fe dos que nos precederon nesta diocese tudense, para sentirnos enviados a sandar feridas, acompañar vidas, soster esperanzas, ser signos de unidade, tender pontes, derrubar murallas, sementar paz e reconciliación. Deste xeito, teremos o gozo de construír unha gran familia na que poidamos sentirnos en casa, como fillos e irmáns».
Despois da eucaristía, impartiuse unha charla informativa acerca do proceso de canonización do benaventurado Pedro González Telmo —vulgarmente coñecido como santo Telmo—, patrón da diocese de Tui-Vigo. O delegado diocesano para a Causa dos Santos, José Diéguez Dieppa, explicou que «nos atopamos nun momento esperanzado, porque os autores interesados neste proceso —a Orde de Dominicos e as dioceses de Palencia e de Tui-Vigo— estamos de acordo en continuar os estudos e a causa», para que sexa presentado como un exemplo de santidade válido para toda a Igrexa. O proceso, que supón un arduo traballo de investigación sobre a vida do patrón da diocese tudense, require tamén da colaboración de toda a comunidade eclesial: «pedindo a graza de que a Igrexa conceda esta bendición na nosa diocese e dando a coñecer a vida de santo Telmo. Neste sentido, o seu exemplo é de moita actualidade, porque Pedro González Telmo foi un gran evanxelizador; un home que renunciou ás riquezas e ao poder da súa época, para servir a Deus e á Igrexa como un humilde frade, profesando os tres votos de pobreza, castidade e obediencia».
Concluía a xornada cunha breve intervención do delegado episcopal de Acción Caritativa e Social, Javier Alonso, que informou sobre o actual estado da campaña de emerxencia que está a levar Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, en favor das vítimas e damnificados pola DANA. A día de hoxe, a cifra aproxímase aos 90.000 euros, aínda que podería verse incrementada ao longo dos próximos días, xa que continúan contabilizándose doazóns das colectas do pasado 24 de novembro, dos fieis e tamén dalgunhas empresas que quixeron solidarizarse coa causa.
O 1 de decembro de 1225, o bispo daquel momento, Esteban Egea, consagrou a igrexa de Tui, converténdoa en templo catedralicio, é dicir, na sede episcopal. Desde entón, cada ano, celébrase esta efeméride que xa está próxima ao seu oitavo centenario, ao cumprir, nesta ocasión, 798 anos da súa dedicación. Con esta celebración, a diocese de Tui-Vigo lembra que a catedral é unha expresión, un signo vivo da propia Igrexa diocesana, por iso, entrar nela é regresar ás orixes, todo o máis central da comunidade cristiá: a vinculación con toda a Igrexa universal, atribuída polo ministerio do bispo.