O Templo Votivo do Mar en Panxón acolleu, o pasado sábado 12 de xullo, a tradicional Ofrenda do Mar á virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, que, nesta ocasión, realizou José Antonio Prendes, vicepresidente da Asociación Española de Titulados Náuticos Pesqueiros (AETINAPE), en representación da mariña mercante, pois cada ano esta homenaxe de fe e devoción á Virxe do Carme recae nunha das catro mariñas: a armada, a mercante, a frota pesqueira e a deportiva. A celebración estivo presidida polo bispo e administrador apostólico de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza.
Ante a icónica imaxe da virxe do Carme de Panxón, as xentes do mar reuníronse «para celebrar todos xuntos a expresión máis sincera, simbólica, espiritual e comprometida da xente do mar», expresou José Antonio Prendes, ao comezo da ofrenda, subliñando que «os peixes, que acompañados polos pans axudaron a crear o milagre da multiplicación e a abundancia, son o noso sustento como traballadores do mar, e o que dá sentido ás nosas economías, que é o mesmo que dicir ás nosas vidas». A saúde, a integridade física, a humanización do traballo no mar, a protección para as tripulacións e para as familias que permanecen en terra foron algunhas das peticións que Prendes solicitou á patroa dos mariñeiros, expresando que «tamén nos gusta pedirlle abundancia e sorte nos duros días de faena á Virxe milagrosa e protectora. Non queremos que ser mariñeiro signifique ser pobre. O mariñeiro debe ser rico, tanto no material como no espiritual».
Mons. Luís Quinteiro respondía a esta ofrenda realizada polo vicepresidente de Aetinape, expresando que «sen dúbida ningunha, este pobo noso ten unha dimensión mariñeira que é consubstancial. Aquí, non soamente tivemos grandes mariños e patróns, senón que tivemos grandes evanxelizadores, homes e mulleres que se preocuparon pola dignidade e a vida cotiá das xentes do mar». Así, o prelado insistiu en que «a diocese de Tui-Vigo foi un motor renovador da conciencia mariñeira en España» e exhortou aos asistentes para manter «con gran ilusión esta ofrenda do mar que representa, con gran profundidade, o que a alma mariñeira é».
Esta homenaxe das xentes do mar finalizou cun momento de adoración eucarística, seguido da bendición dos mares co Santísimo sacramento desde a porta do templo; unha bendición para protexer a todas esas persoas que viven do mar, así como ás súas familia que sofren a soidade e ausencia que provoca ao arduo traballo no sector marítimo.