Con motivo do 10º aniversario da publicación da encíclica do papa Francisco, Laudato si, o pasado 27 de maio, a parroquia da nosa Señora das Neves en Vigo organizou unha mesa redonda titulada «Desenvolvemento sostible e cultura do coidado», que contou coa participación de representantes de diversas asociacións: Voces polo litoral de Teis , Comunidade de montes de Teis , Bembrive en Pe e o Comité Altri Non de Vigo.
Durante as súas intervencións, cada unha das organizacións participantes expuxeron os seus plans de traballo para facer realidade o desenvolvemento sostible, as dificultades administrativas, económicas e humanas ás que se enfronta, así como os retos e logros do seu labor.
Este acto, organizado polo equipo de Saúde e Ecoloxía Integral das parroquias de Teis , serviu para dar a coñecer os diversos problemas ambientais e de xestión veciñal que se están dando en Vigo e en Galicia; poñer en valor o traballo que están a facer distintos grupos e colectivos ante eles; e contaxiar unha visión realista pero tamén “esperanzada” do que podemos facer cada cual polo coidado da casa común.
Desde hai algúns anos, a parroquia da nosa Señora das Neves, xunto con Santo Ignacio de Loyola e San Salvador de Teis , súmase á iniciativa «Tempo da creación», que promove o movemento católico «Laudato si» para inspirar e mobilizar á comunidade católica para coidar a casa común e lograr a xustiza climática e ecolóxica. Así, durante as celebracións dominicais do mes de setembro, estas tres parroquias interceden de forma especial polo coidado da Creación, mostrando o seu compromiso co coidado da casa común.

