No marco da celebración da festa en honra ao seu patrón, a parroquia de San Martiño de Caldelas de Tui inaugurou a nova esfera do reloxo da torre do campanario que, ademais, desde agora conta cun sistema de iluminación. O 16 de novembro, ás 12.00 horas, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, presidiu a eucaristía solemne en honra a san Martiño e realizou a bendición deste novo reloxo do campanario.
Durante a eucaristía, o prelado tudense destacou a necesidade de conservar os bens patrimoniais e culturais da Igrexa, que reflicten a fe dunha comunidade concreta de crentes. Así, subliñou a importancia do templo como un lugar de encontro e de diálogo, no que os fieis, nas diferentes etapas da vida, poden compartir a súa fe.
Grazas á xenerosidade e ao compromiso dos fregueses da parroquia de San Martiño de Caldelas de Tui, que suma preto de 900 habitantes, foi posible levar a cabo a restauración deste reloxo que, desde facía anos, non funcionaba. En total, a obra supuxo un custo aproximado de 4.000 euros que inclúe tamén a colocación de focos para iluminar o campanario, mellorado tanto a funcionalidade como o aspecto estético da torre da igrexa.