Ante a proximidade da solemnidade litúrxica de Todos os Santos, que a Igrexa celebra o 1 de novembro, o mércores 30 de outubro, ás 18.00 horas, a parroquia de San Xoán Paulo II en Navia organiza unha adoración eucarística para nenos e nenas de Educación Infantil ata segundo da ESO, promovida pola iniciativa «Nenos adoradores». Tras o momento de adoración, haberá unha merenda de confraternización —cada familia leva algo para compartir—. Convídase a todos os que desexen participar a acudir disfrazados do seu santo ou santa favorito.
Cabe dicir que outras parroquias da diocese de Tui-Vigo, como é o caso de Santiago de Arcade, tamén organizan, ao redor da solemnidade de Todos os Santos, un encontro festivo para nenos e nenas da catequese, convidándoos a disfrazarse dalgún santo ou santa. A idea de celebrar esta solemnidade disfrazándose daqueles aos que a Igrexa recoñeceu a santidade naceu en París no ano 2002 co nome de Hollywins —xogo de palabras inglesas que significa «A santidade vence»—, para contrarrestar o actual culto pagán á morte, o Halloween, famoso especialmente nos Estados Unidos.
«Nenos adoradores» é unha iniciativa promovida por un grupo de familias católica que comparten a misión de fomentar a adoración eucarística entre nenos e os seus pais, co desexo de que se converta nunha práctica habitual en cada igrexa. Cada mes, visitan unha parroquia diferente para presentar a proposta e desenvolver a actividade. As familias expresan que «un dos froitos que vivimos, foi poder contar coa participación de pais e irmáns. Sen darnos conta, a adoración infantil converteuse nunha adoración familiar».