7 de Marzo de 2026,
Santas Perpetua y Felicidad

A parroquia de Redondela homenaxea ás Fillas da Divina Providencia

A parroquia de Redondela homenaxea ás Fillas da Divina Providencia
FOTO.- Feligreses de la parroquia junto a la comunidad de Hijas de la Divina Providencia tras la eucaristía de despedida | © Parroquia de Santiago de Redondela

O pasado sábado, 20 de setembro, a parroquia de Santiago de Redondela homenaxeou á única comunidade relixiosa das Fillas da Divina Providencia presente en España que, desde hai máis de vinte anos, traballaron pastoralmente na vila redondelana. Agora, as irmás procedentes de Perú trasládanse á parroquia de Santa Clara en Vigo para iniciar unha nova etapa e novos proxectos na cidade olívica.

As Fillas da Divina Providencia chegaron á diocese de Tui-Vigo hai 21 anos. Desde entón, estiveron vinculadas á parroquia de Santiago de Redondela no ámbito catequético e na xestión do albergue parroquial de peregrinos. Ademais, durante estes anos, colaboraron coa Pastoral da Saúde levando a comuñón aos enfermos nos hospitais Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro. Recentemente, tamén comezaron a colaborar coa delegación de Misións, ocupando a secretaría de Obras Misionais Pontificias na diocese tudense.

A parroquia de Santa Clara en Vigo recibiu a chegada da comunidade o pasado domingo 21 de setembro, durante unha eucaristía que contou coa presenza da nai xeral da congregación, a madre Doris. O párroco de Santa Clara, Juan Diz, expresou que a parroquia acolle «con gratitude a dispoñibilidade das irmás da Divina Providencia». Agora, as relixiosas iranse integrando aos poucos na vida desta parroquia viguesa.

O instituto relixioso feminino das Fillas da Divina Providencia foi erixido o 28 de outubro  do 2006 polo bispo de Abancay, seguindo as orientacións espirituais e as intencións apostólicas do bispo Wilhelm Emmanuel von Ketteler e da nai María da Roche. A finalidade deste instituto é, entre outros, a atención aos máis necesitados; o coidado aos enfermos e anciáns; a formación e promoción da muller e o apoio ás familias máis necesitadas; a colaboración na pastoral da Igrexas locais e atención de seminarios e residencias sacerdotais; a asistencia ás parroquias en catequeses e outros ámbitos pastorais; ou o ensino en diferentes niveis de educación, especialmente relixiosa.