O 8 de decembro, ás 17.00 horas, a comunidade parroquial de San Xoán de Amorín —e, por conseguinte, do seu anexo San Martiño de Currás — acolleu a celebración de toma de posesión do seu novo párroco, Jesús García Lourido, cuxo nomeamento por un período de seis anos foi publicado o pasado 30 de novembro. O bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, presidiu a eucaristía no templo parroquial de Amorín.
Jesús García, que é sacerdote desde o ano 2021, deberá compaxinar as súas novas responsabilidades en Amorín e Currás, coas súas outras obrigacións nas parroquias de San Vicente de Barrantes, Santa María de Pinzas, San Salvador de Piñeiro e San Salvador de Sobrada, onde exerce como párroco desde 2023. Ademais, tamén é membro da delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria da diocese de Tui-Vigo.