A parroquia de Santa Lucía de Vigo hnonrou á súa patroa, mártir do século IV, cunha eucaristía solemne, harmonizada polo coro Doas Canticum e presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, quen subliñou que «cando un reza ante a imaxe de santa Lucía, está a proclamar a súa fe en Xesucristo; as súas ganas de identificarse con el como o fixo Lucía». Ademais desta celebración presidida polo prelado, houbo misas ao longo de todo o día.
No medio dunha sociedade marcada polo medo e polos tráxicos titulares publicados polos medios de comunicación, o prelado tudense destacou que os cristiáns «temos que facer, sempre, unha lectura da realidade e do mundo desde a fe. É verdade que a fe non nos quita os problemas, pero nos dá unha esperanza para vivir, non afundidos na miseria, senón confiados en Deus como fixo santa Lucía e, como ela, tantos homes e mulleres ao longo da historia».
Tras a eucaristía solemne, deu comezo a procesión coa imaxe da patroa, que percorreu as rúas contiguas ao templo. Durante o seu itinerario, a comitiva efectuou unha parada no baixo, onde, inicialmente en 1970 e de forma provisional, a parroquia celebraba o culto antes da finalización da obra do actual templo parroquial. Alí, Mons. Antonio Valín realizou unha breve oración antes de proseguir co seu percorrido de regreso á igrexa.
O pasado 4 de decembro, a parroquia de Santa Lucía de Vigo comezou a preparación para festexar a festa da súa patroa co rezo diario da novena. Ademais, o sábado 7, durante a misa harmonizada polo Coro Rociero de Vigo, realizou a imposición de medallas ás Damas de Santa Lucía.
Tal e como lembra a parroquia viguesa de Santa Lucía, a devoción á súa patroa permanece activa durante todo o ano, xa que o 13 de cada mes celébrase unha misa en honra a esta mártir do século IV: ás 18.00 horas, de luns a sábado, e ás 12.00 horas, en caso de ser domingo.