A parroquia de Santo Antonio da Florida en Vigo está a organizar unha recollida solidaria de materiais para os concellos de Larouco e Valdeorras, afectados pola vaga de incendios na provincia de Ourense: auga, leite, pasta, comida precociñada, latas, penso para animais, anciños, gasas, máscaras e batelumes. As persoas interesadas en colaborar poden facelo desde hoxe, xoves 21 e ata o vindeiro sábado 30 de agosto, polas mañás, en horario de 10.00 a 13.00 horas, e pola tarde, de 17.00 a 19.00 horas.
Esta iniciativa parte dos propios fregueses da parroquia, moitos deles procedentes de Ourense, que quixeron solidarizarse coas zonas afectadas por esta vaga de incendios. Grazas a don Severino, sacerdote da comarca ourensá que visita regularmente a parroquia de Santo Antonio da Florida, puideron contactar directamente cos concellos para ofrecer a súa colaboración.
Todos os materiais recolleitos durante os próximos días serán transportados desde a cidade olívica ata os puntos de recollida que a provincia de Ourense estableceu en diferentes zonas e que, posteriormente, serán repartidos entre os veciños das zonas afectadas.