O xoves 16 de xullo, festividade da virxe do Carme, a parroquia viguesa da Nosa Señora do Carme celebra a festa en honra á súa patroa. Ás 20.00 horas, o bispo de Tui-Vigo e promotor de Stella Maris en España, monseñor Antonio Valín, presidirá a eucaristía solemne, seguida da procesión polas rúas da cidade olívica, que finalizará co canto de Sálvea Mariñeira.
A festa do Carme coincide, cada ano, coa celebración do «Día das xentes do mar», unha xornada dedicada a recoñecer a contribución de mariños, pescadores, traballadores portuarios e de toda a comunidade marítima, así como a promover a oración e o compromiso coas súas necesidades humanas, sociais e espirituais. Neste ano 2026, a xornada celébrase baixo o lema «María, nai mariñeira, fai de nós unha barca aberta a todos».
Con motivo desta xornada, o bispo de Tui-Vigo e promotor do Apostolado do Mar en España, monseñor Antonio Valín, fixo público unha mensaxe no que anima a toda a comunidade cristiá a mirar con proximidade e gratitude a quen vive e traballan vinculados o mar: «sexamos todos e todas barca aberta, dispoñible, acolledora, próxima a toda persoa. Ter un corazón comprometido que non quede na mirada, que dea un paso adiante, que se implique de verdade».
Celebración do Carme na vila mariñeira da Guarda
No marco da festividade da virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, o xoves 16, ás 12.00 horas, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, tamén presidirá a eucaristía na Guarda. Previamente, ás 11.30 horas, a imaxe da virxe procesionará desde o templo parroquial de Santa María ata o porto onde se celebrará a misa solemne e a ofrenda floral por todos os mariñeiros falecidos.
Ademais de na Guarda e en Vigo, multitude de parroquias da diocese de Tui-Vigo celebrarán a festividade do Carme, patroa das xentes do mar.