17 de Marzo de 2026,
San Patricio

A parroquia do Corazón de María celebra a festa en honra a san Antonio María Claret

A parroquia do Corazón de María celebra a festa en honra a san Antonio María Claret
FOTO.- El obispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, presidió la eucaristía en el templo parroquial del Corazón de María | © Noelia Reyes

O xoves 24 de outubro, festa de san Antonio María Claret, fundador dos misioneiros Fillos do Inmaculado Corazón de María —popularmente coñecidos como Claretianos—, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, presidiu a eucaristía solemne en honra ao santo no templo parroquial do Inmaculado Corazón de María en Vigo. Desde 1947, os misioneiros Claretianos están presentes na cidade olívica e, desde 1970, atenden a parroquia diocesana do Corazón de María.

Durante a súa homilía, o prelado tudense expresou que «o pai Claret é o home da Palabra, porque, como discípulo de Cristo, acolle, asume, contempla, ora e proclama a Palabra. Todo iso, faino  convencido de que ten que anunciala con tenrura aos pobres e aos enfermos; con especial caridade aos máis desfavorecidos». O pai Claret, explicou Mons. Antonio Valín, convídanos a ser discípulos misioneiros: «celebrar esta eucaristía lévanos a ser testemuño do que el creu e viviu; a ser persoas que collen a testemuña deste home. Ti e eu acollendo o exemplo do pai Claret, somos tamén chamados e enviados nesta Igrexa concreta, neste momento da historia; somos urxidos polo amor de Deus que fai arder o noso corazón e para facer arder o corazón de todos coa forza do Evanxeo»

Esta celebración solemne para a parroquia, foi unha ocasión para presentar a todos os axentes pastorais que contribúen a facer da comunidade un espazo de encontro e “envialos” á misión de acompañar aos máis necesitados, coidar a Liturxia ou educar na fe aos nenos, nenas e mozas que se prepararán para recibir os sacramentos de iniciación cristiá, entre outras moitas tarefas que se desenvolven na parroquia. Por iso, como signo deste envío, o bispo entregou a cada axente de pastoral comprometido coa vida da comunidade un libro do Evanxeo 2025.

A comunidade dos misioneiros Claretianos de Vigo pertence á provincia claretiana de Santiago que agrupa a 280 misioneiros repartidos en 37 comunidades. O seu servizo pastoral exprésase a través de 16parroquias urbanas, 4 núcleos de parroquias rurais, 7 igrexas non parroquiais, 7 colexios de ensino, 2 colexios maiores, un complexo de relevancia internacional ao servizo da vida consagrada (que inclúe dous centros de ensino superior), varias revistas, unha editorial, varias casas de convivencias e exercicios, algunhas páxinas web, as dúas Misións de Fala Española e varios equipos e secretariados de animación pastoral (Fe-Cultura, Laicos-Familia, Pastoral Infantil Xuvenil Vocacional, Solidariedade e Misión…). A Provincia mantén, ademais, unha relación moi estreita coa Fundación Proclade.