12 de Abril de 2026,
San Julio I

A parroquia do Corazón de María celebrou a festa na honra ao padre Claret

A parroquia do Corazón de María celebrou a festa na honra ao padre Claret
FOTO.- Asistentes a la eucaristía en el templo parroquial del Corazón de María | © Noelia Reyes

O venres 24 de outubro, festa de santo Antonio María Claret, fundador dos misioneiros Fillos do Inmaculado Corazón de María —popularmente coñecidos como Claretianos—, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidiu a eucaristía solemne en honra ao santo no templo parroquial do Inmaculado Corazón de María en Vigo. Desde 1947, os misioneiros Claretianos están presentes na cidade olívica e, desde 1970, atenden a parroquia diocesana do Corazón de María.

Durante a súa homilía, o prelado tudense expresou que «o padre Claret foi un apaixonado discípulo e un tenaz misioneiro. A súa forza proviña do Corazón de María; nela aprendeu a unir a paixón polo Evanxeo coa tenrura do amor de nai». Neste sentido, monseñor Antonio Valín, destacou que «na espiritualidade claretiana, María non só é un modelo; é compañeira de camiño, nai da misión e fonte de esperanza nos momentos difíciles». Finalizaba, convidando os presentes a «deixarnos acender por ese lume, polo Espírito que fixo arder o corazón de Claret».

Esta celebración solemne para a parroquia foi unha ocasión para presentar a todos os axentes pastorais que contribúen a facer da comunidade un espazo de encontro e “envialos” á misión de acompañar aos máis necesitados, coidar a Liturxia ou educar na fe aos nenos, nenas e mozas que se prepararán para recibir os sacramentos de iniciación cristiá, entre outras moitas tarefas que se desenvolven na parroquia. Por iso, como signo deste envío, o bispo entregou a cada axente de pastoral comprometido coa vida da comunidade un libro do Evanxeo 2026.

A comunidade dos misioneiros Claretianos de Vigo pertence á provincia claretiana de Santiago que agrupa a 280 misioneiros repartidos en 37 comunidades. O seu servizo pastoral exprésase a través de16 parroquias urbanas, 4 núcleos de parroquias rurais, 7 igrexas non parroquiais, 7 colexios de ensino, 2 colexios maiores, un complexo de relevancia internacional ao servizo da vida consagrada (que inclúe dous centros de ensino superior), varias revistas, unha editorial, varias casas de convivencias e exercicios, algunhas páxinas web, as dúas Misións de Fala Española e varios equipos e secretariados de animación pastoral (Fe-Cultura, Laicos-Familia, Pastoral Infantil Xuvenil Vocacional, Solidariedade e Misión…). A Provincia mantén, ademais, unha relación moi estreita coa Fundación Proclade.