Do 18 ao 25 de xaneiro, a Iglesia celebra a Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns.
O bispo de Tui-Vigo presidirá o acto organizado pola delegación diocesana de Ecumenismo e Relacións Interconfesionais.
O xoves 20 de xaneiro, ás 20:30 horas, o templo parroquial do Sagrado Corazón de Xesús en pleno centro da cidade olívica acolle a tradicional celebración ecuménica que organiza a delegación de Ecumenismo e Relacións Interconfesionais da Diocese de Tui-Vigo, con motivo do Octavario pola Unidade dos Cristiáns. O bispo de Tui-Vigo Luís Quinteiro Fuiza presidirá o acto acompañado por representantes das diferentes realidades eclesiais —evanxélicos, anglicanos e ortodoxos—, o que constitúe unha oportunidade para crear unha maior unidade entre as diversas confesións.
No marco desta semana —unha cita que cada ano convoca o Pontificio Consello para a Promoción da Unidade dos Cristiáns e a Comisión Fe e Constitución do Consello Ecuménico de Igrexas—, os bispos responsables de relacións interconfesionais da Conferencia Episcopal Española lanzaron unha mensaxe no que expresan: este ano «queremos poñer o acento no alcance universal do anuncio da salvación en Cristo e, por tanto, no carácter misioneiro dun ecumenismo que non perda de vista o fin último da evanxelización». E puntualizan, «a nova evanxelización é tarefa de todos, e a misión require hoxe das Igrexas e Comunidades un traballo de conxunto».