Do 6 de marzo ao 19 de abril, a parroquia do Sagrado Corazón de Xesús en Vigo acolle a exposición «55 anos da Liturxia en galego (1969 – 2024)», que promove a Editorial SEPT e produce Merlín Comunicación, co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia e o Arcebispado de Santiago de Compostela. Será o mércores 13 de marzo, ás 18.30 horas, cando se leve a cabo o acto de presentación oficial que contará coa participación de: Silvestre Gómez, comisario da Exposición; Víctor F. Freixantes, presidente da Real Academia Galega; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Jesús M. Carracedo, párroco do Sagrado Corazón; e Mons. Luís Quinteiro, bispo de Tui-Vigo.
Composta por seis paneis, a exposición recolle o percorrido da lingua galega na liturxia durante estes 55 anos, desde a aprobación, en 1963, do uso das linguas vernáculas na liturxia no Concilio Vaticano II ata a aprobación, cinco anos máis tarde, do galego como lingua litúrxica nas dioceses de Galicia. A noticia, con gran repercusión na situación social do momento, faríase pública o 7 de xaneiro de 1969.
Parte fundamental deste acontecemento, tamén foron as primeiras traducións ao galego dos textos litúrxicos como o Misal Romano ou a Biblia que, na actualidade, o goberno galego volve editar en colaboración con SEPT, co obxectivo de levar a lingua a todas as parroquias de Galicia.