15 de Outubro de 2024

,

Santa Teresa de Ávila
15 de Outubro de 2024

,

Santa Teresa de Ávila

A Pastoral Familiar de Tui-Vigo ensina a custodiar a vida desde a vulnerabilidade

A Pastoral Familiar de Tui-Vigo ensina a custodiar a vida desde a vulnerabilidade

A Conferencia Episcopal Española convoca a Xornada Pro-Vida coincidindo coa solemnidade da Anunciación.

A Cruz de Lampedusa acompañará os actos previstos pola delegación diocesana de Pastoral Familiar. 

Este xoves ás 19 horas, o Corazón de María acollerá o relatorio «Atreverse a ser vulnerable» organizada pola delegación de Pastoral Familiar de Tui-Vigo para celebrar a Xornada pola Vida, que o bispo Luís Quinteiro clausurará presidindo a misa das 20 horas da tarde.

Durante a súa intervención, Xosé Manuel Domínguez, doutor en Filosofía pola Universidade Complutense de Madrid e director do Instituto da Familia de Ourense, sentará os fundamentos que permitirán aos participantes enfrontarse ao reto de vivir desde a vulnerabilidade que, tal e como explican desde a Pastoral Familiar, maniféstase nun mundo no que priman as seguridades; no que o queremos todo atado —e ben atado—; no que valemos na medida en que somos produtivos; e no que, sobre todo, os cimentos víronse cambaleados por unha pandemia mundial.

A Cruz de  Lampedusa, símbolo dos  migrantes que peregrina a Diocese de Tui-Vigo desde o pasado 9 de marzo, estará presente no Corazón de María durante toda a Xornada co obxectivo de lembrar ao milleiro de persoas naufragadas no mar Mediterráneo.  

Cada 25 de marzo, coincidindo coa solemnidade da Anunciación, a Igrexa católica española convoca esta Xornada como un chamamento para revalorizar a vida como ben fundamental para o home, sen o cal non se pode gozar dos demais bens. 

O lema escollido para este ano «Custodios da vida» enmárcase dentro das liñas establecidas por dous  grandes acontecementos que a Igrexa Universal está chamada a vivir ao longo do 2021: o Ano Xubilar de San José e o Ano “Familia  Amoris  Laetitia”.

O Ano Xubilar de San José —convocado polo papa Francisco o pasado 8 de decembro de 2020— pon de relevo a figura dun santo que, co seu exemplo de entrega como protector de María e o bebé que levaba nas súas entrañas, ensínanos a custodiar a vida fronte á proliferante cultura da morte.

Para combater esta cultura do descarte denunciada polo Santo Pai en múltiples ocasións, lémbrase a invitación para vivir a beleza e a alegría do amor familiar que resoan a través das palabras da  Amoris  Laetita, a segunda  exhortación  apostólica publicada o 19 de marzo de 2016, que celebrou un lustro de vida o pasado venres.

A delegación de Pastoral Familiar de Tui-Vigo convida á participación activa nesta Xornada para poder visibilizar a defensa da vida como un don que manifesta a beleza da creación desde a fraxilidade humana acrecentada pola pandemia da Covid-19.

MATERIAIS

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp