A delegación de Pastoral Familiar da diocese de Tui-Vigo ofrece un espazo de oración conxugal para matrimonios, no templo parroquial do Corazón de María en Vigo, ás 21.00 horas, os segundos, terceiros, cuartos e quintos venres de cada mes, a partir do próximo 10 de outubro. Cada semana, durante este tempo de adoración eucarística, un sacerdote diferente será o encargado de dirixir a reflexión ao redor dalgunha pasaxe bíblica que poida ser de interese para a vida e a espiritualidade conxugal.
Ademais, para facilitar a asistencia, a delegación de Pastoral Familiar pon ao dispor das familias un servizo de gardería, así os matrimonios poderán orar sen distraccións dedicando un tempo para profundar sobre a súa relación de parella ante Deus.
Tal e como explican desde a organización, «como matrimonios católicos, sentimos a profunda sede de poñer a Cristo no centro da nosa vida conxugal e familiar. Queremos que todo o que facemos —traballo, familia, evanxelización— estea empapado da súa presenza. A oración, especialmente en parella e en comunidade, é o camiño para logralo, sobre todo nunha sociedade na que se distorce e erosiona o sentido do matrimonio e a familia».