20 de Abril de 2026,
Santa Inés de Montepulciano

A procesión da Borriquita chea de fieis e luz as rúas de Tui nunha mañá asollada

A procesión da Borriquita chea de fieis e luz as rúas de Tui nunha mañá asollada

Tui viviu na mañá deste domingo un dos momentos máis esperados do inicio da Semana Santa coa tradicional procesión da Borriquita, que reuniu a unha multitude de veciños e visitantes nun ambiente marcado pola devoción e o bo tempo. A pesar do fresco propio destas primeiras horas do día, o sol brillou con forza, acompañando o recorrido da imaxe e realzando o carácter festivo da xornada. Desde primeiras horas, a cidade comezou a chearse de público, ata o punto de que a catedral viuse completamente abarrotada por fieis que non quixeron perderse a celebración.

A xornada comezou coa bendición dos ramos, trala que deu inicio a procesión da Borriquita, que recorreu as rúas do casco histórico entre palmas e olivos portados por numerosos nenos e familias. O ambiente combinou o recollemento coa alegría propia desta celebración.

Posteriormente, tivo lugar a misa na catedral, oficiada polo bispo emérito D. Luis Quinteiro, quen dirixiu unhas palabras aos asistentes centradas no significado da entrada triunfal de Xesús en Xerusalén e o inicio da Semana Santa.

A ceremonia estivo marcada pola solemnidade e a participación activa dos fieis. A gran afluencia de público confirmou, un ano máis, o arraigo desta celebración en Tui, consolidándose como un dos actos máis destacados do Domingo de Ramos na cidade.