A cidade de Tui acolleu este Xoves Santo a solemne Procesión da Oración, un acto cargado de recollemento e significado que contou cunha salientable participación institucional e unha notable asistencia de fieis e veciños.
A procesión estivo presidida polo Bispo, D. Antonio Valín, acompañado polo Prior da Irmandade do Moi Doce Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia, D. Santiago Freire, quen encabezaron o cortexo procesional nun ambiente de profundo respecto e devoción.
O cortexo procesional estivo integrado por máis de 70 confrades, cuxa participación, orde e solemnidade contribuíron de xeito salientable ao recollemento e a beleza do acto.
Xunto ás autoridades eclesiásticas tamén estiveron presentes representantes das autoridades civís e militares, que quixeron sumarse a este acto tan significativo dentro do calendario relixioso da cidade, mostrando así o seu apoio ás tradicións e ao patrimonio cultural de Tui.
A participación dos confrades, así como a implicación dos asistentes, contribuíu a realzar unha celebración que volveu poñer de manifesto a importancia da fe, a tradición e a convivencia na vida social da localidade.
Desde a organización quíxose destacar o compromiso e a implicación de todos os participantes, agradecendo especialmente a colaboración de quen fixo posible o correcto desenvolvemento da procesión.
A Procesión da Oración consolídase así como un dos actos máis emblemáticos da vida relixiosa tudense, reforzando os lazos entre a comunidade e as súas tradicións máis arraigadas.

