13 de Decembro de 2024

,

Santa Lucía
13 de Decembro de 2024

,

Santa Lucía

A saúde mental protagoniza a Xornada Interdiocesana de Pastoral Penal

A saúde mental protagoniza a Xornada Interdiocesana de Pastoral Penal
FOTO: Centro Penitenciario de A Lama | © CC BY-SA 4.0 Bene Riobó

«A estancia en prisión e as súas consecuencias. Prisionización e saúde mental» é o lema da Xornada Interdiocesana de Pastoral Penal que, na súa décima edición, organizan as delegacións diocesanas de Pastoral Penal de Galicia. O encontro anual iníciase nesta ocasión o sábado 16 de marzo, ás 10 horas, na casa de exercicios espirituais «Via Lucis» de Santiago de Compostela e adoita reunir ao redor de 60 persoas entre voluntarios, internos e funcionarios de distintos centros penais galegos para formarse e reflexionar acerca de aspectos relacionados coa súa tarefa dentro das prisións.

Durante a mañá, a xornada contará coa participación de José Luis Segovia Bernabé, sacerdote, avogado e criminólogo, que falará de «O proceso de prisionización ». Pola tarde, está previsto un panel de experiencias titulado «Abordaxe da doenza mental no sistema penal» no que participarán Marina Fuentes Barco, psiquiatra no C.P. A Lama, e o equipo de Programa PAIAM, do módulo 9, do C.P. Teixeiro.

Como complemento ás sesións formativas, ás 16 horas, presentarase o podcast «Palabra de preso» de Radio Manoplas —producido desde o barrio de Coia , en Vigo, a cargo do colectivo Alicerces—, que recompila unha serie de testemuños de diferentes usuarios de centros penais.

A Xornada Interdiocesana de Pastoral Penal de Galicia tamén contará coa presenza de Mons. Fernando García Cadiñanos, bispo de Mondoñedo-Ferrol, que é o bispo responsable da Pastoral Penal na Conferencia Episcopal Española.

Para asistir é necesario inscribirse nalgunha destas dúas modalidades: a modalidade de participación que ten un corte de 5 euros; ou a de participación + comida, cun custo de 20 euros. As inscricións poden realizarse por correo electrónico (galiciapastoralpenitenciaria@gmail.com) ou por teléfono (633 36 44 24).

Máis información sobre os relatores

José L. Bernabé Segovia

Sacerdote, avogado e criminólogo, é actualmente vigairo episcopal para o Desenvolvemento Humano Integral e a Innovación na Arquidiocese de Madrid. Ademais, é autor de numerosas publicacións no ámbito do dereito penal, o sistema penal e a atención pastoral a colectivos vulnerables.

PAIEM — Programa de Atención Integral á Enfermidade Mental

O programa PAIEM desenvólvese nalgunhas prisións españolas. Deséñanse unha serie de protocolos de actuación para levar a cabo en centros penais cos internos que sofren algunha patoloxía mental, a través do desenvolvemento de actividades terapéuticas e ocupacionais.

Marina Fuentes

Marina Fuentes é directora da Unidade de Atención ás Drogodependencias de Porriño e psiquiatra no centro penal da Lama.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp