7 de Marzo de 2026,
Santas Perpetua y Felicidad

A secretaría Misión Compartida reúnese para programar o curso 2024-2025

A secretaría Misión Compartida reúnese para programar o curso 2024-2025
FOTO.- Responsables de pastoral, delegados diocesanos e o bispo de Tui-Vigo, durante a reunión no Centro Loyola | © Secretaría Misión Compartida

Preto de  unha vintena de responsables de pastoral dos diferentes centros educativos católicos no territorio da diocese de Tui-Vigo asistiron á primeira reunión do curso 2024-2025 convocada pola secretaría Misión Compartida, o xoves 24 de outubro, no Centro Loyola da cidade olívica. O encontro, que busca establecer unha rede de traballo entre os diferentes centros católicos, tamén contou coa participación do bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín.

Tras a oración inicial preparada por responsables do colexio Neno Xesús de Praga, houbo oportunidade de escoitar un pequeno saúdo de dúas persoas que están a participar no Sínodo dos Bispos «Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación, misión»: a relixiosa das Fillas de Xesús, María Luisa Berzosa, e sacerdote xesuíta natural de Asturias e prefecto apostólico de Battambangm , Enrique Figaredo.

Ademais dos responsables de pastoral dos centros, tamén asistiron diferentes delegados diocesanos para informar das actividades e propostas que se desenvolverán ao longo dos próximos meses: o delegado do Ano Xubilar 2025, Daniel Goberna; o delegado de Pastoral Xuvenil e Universitaria, Samuel Montes; o delegado de Pastoral Vocacional, Anxo Carniceiro; e o delegado de Ensino Relixioso Escolar, Juan Carlos Alonso.

Misión Compartida é unha iniciativa que, desde setembro de 2019, busca fomentar a colaboración entre os centros educativos católicos da diocese de Tui-Vigo. Ademais, tamén conta coa participación de diversas  delegacións diocesanas —Pastoral Xuvenil e Universitaria, Pastoral Vocacional, Catequese e Ensino Relixiosa Escolar—. Para máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto a través do correo electrónico: secretariamisioncompartida@gmail.com.