Mañá, domingo 2 de agosto, a partir das 19.30 horas, a Televisión de Galicia retransmitirá a procesión do Santísimo Cristo da Vitoria nun programa especial. O bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidirá a procesión e portará o estandarte da confraría, Enrique Pereira, presidente do Grupo Pereira.
Xunto á xornalista Lucía Rodríguez, encargada de conducir esta retransmisión especial, estarán o sacerdote, Alberto Montes; a historiadora viguesa, María del Camino; e o confrade do Santísimo Cristo, Santiago Ogando. Xuntos ofrecerán as claves para comprender a orixe, a evolución e, sobre todo, o significado dunha celebración que, cada ano, reúne a milleiros de persoas polas rúas da cidade olívica.
Con esta retransmisión, a TVG pretende achegar aos fogares galegos unha celebración que vai máis aló do seu carácter relixioso, converténdose nun verdadeiro acontecemento social e patrimonial, que xa forma parte da identidade viguesa.