O domingo 30 de novembro, ás 10.00 horas, a Televisión de Galicia (TVG) retransmitirá a eucaristía dominical desde a capela do Fogar-Clínica San Rafael en Vigo, presidida polo delegado episcopal de Apostolado Segrar, Juan José González. A retransmisión poderá seguirse a través da web da TVG clicando na seguinte ligazón.
Nesta ocasión, a eucaristía enmárcase dentro do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra 3 de decembro en todo o mundo, de aí a elección do Fogar-Clínica San Rafael, un centro de atención a persoas con discapacidade intelectual e de rehabilitación que pertence á Orde Hospitalaria de San Xoán de Deus. A Conferencia Episcopal Española tamén se une á celebración desta xornada preparando, cada ano, unha serie de materiais co fin de animar a evanxelización deste sector pastoral e avanzar na súa inclusión na sociedade e na Igrexa.
A Santa Misa da TVG retransmítese cada domingo habitualmente desde o templo parroquial de San Frutuoso en Santiago de Compostela, a cargo do sacerdote e delegado de Medios de Comunicación Social da Arquidiocese compostelá, Manuel Blanco. No que respecta á programación relixiosa, ademais da retransmisión dominical da Santa Misa, a TVG ofrece o programa Polo camiño dá fe, que produce a provincia eclesiástica de Santiago de Compostela e que se emite todos os domingos, ás 09.45 horas.