O 2 febreiro, festa da Presentación do Señor, as congregacións de vida consagrada presentes no territorio da diocese de Tui-Vigo asistiron á celebración da Xornada Mundial da Vida Consagrada, que a Igrexa convocou baixo o lema «Peregrinos e sementadores de esperanza». Ás 19.00 horas dese primeiro domingo de febreiro, o prelado tudense, Mons. Antonio Valín, presidiu a eucaristía na concatedral-basílica. Previamente, a CONFER de Tui-Vigo organizou un encontro de confraternización para coñecer e compartir as diferentes actividades sociais que as comunidades de vida consagrada realizan na diocese tudense.

Neste ano marcado polo Ano Xubilar 2025, no que o papa Francisco convida a toda a Igrexa a vivir como «peregrinos de esperanza», o bispo de Tui-Vigo lembrou que a importancia de renovar a fe, de xerar relacións humanas fraternas, deixando atrás os lastres que nos impiden avanzar, como as queixas ou a nostalxia. Así, o prelado convidaba vivir con xenerosidade e alegría en comunidade, ofrecendo as capacidades individuais sen buscar seguridades persoais.
Mons. Antonio Valín tamén agradeceu o testemuño e o compromiso da vida consagrada na diocese de Tui-Vigo: «os vosos compromisos son luces proféticas que iluminan as vidas de tantas persoas —nos colexios, residencias, obras sociais, mosteiros, parroquias, comunidades, hospitais, grupos de fe…—. Grazas por peregrinar entre nós e connosco. Grazas a vosa vida de comunidade, fraterna e apaixonada, alegre e namorada, que nos fala dun estilo diferente, dunha confianza maior, dun compromiso real con cada persoa e dunha esperanza que non falta, porque o amor de Dios vértese nos nosos corazóns. Grazas por ser luz no medio de tanta escuridade, bálsamo que cura tantas feridas».


Durante a celebración, intercedeuse, especialmente, polas congregacións (ou por algún dos seus integrantes) que, ao longo deste 2025, están de aniversario: pola irmá Marisa Moreno, que celebra as súas vodas de ouro como relixiosa Franciscana Misioneira de María; polas irmás Dominicas da Anunciata que festexan os 50 anos da súa presenza na diocese; polas Irmás Fillas da Divina Pastora, Calasancias, que conmemoran o centenario do falecemento do seu fundador, o pai Faustino Míguez; polas relixiosas de María Inmaculada, con motivo dos 50 anos da canonización de santa Vicenta María, a súa fundadora; e, finalmente, polos irmáns franciscanos, debido ao oitavo centenario do «Cántico das Criaturas», composto por santo Francisco de Asís.
A Xornada Mundial da Vida Consagrada céntrase nas persoas que, a través da consagración, dedican a súa vida por completo a Cristo e destaca a beleza das vocacións destas persoas —calidade que nace das alegres noticias que portan e transmiten—. No marco do Ano Xubilar, a Igrexa chama a todas as persoas a ser «peregrinos e sementadores de esperanza». Un camiño cara a Deus propio de todos os bautizados e que anticipa os dons celestiais na peregrinación.
