O mércores 25 de marzo, solemnidade da Anunciación do Señor, a delegación de Pastoral Familiar de Tui – Vigo, organiza a Xornada pola Vida, a partir das 19:00hrs., na parroquia do Inmaculado Corazón de María.
«A vida, un don inviolable» é o lema escollido este ano para celebrar a Xornada pola Vida. O lema quere resaltar que a defensa da vida non é só unha cuestión de fe, senón unha esixencia da recta razón e da ciencia.
Na nosa Diocese a Xornada comezará, cun relatorio a cargo de D. Ánxel Carnicero baixo o título: «Para que teñades vida, e vida en abundancia». A continuación terá lugar unha mesa redonda que contará cos testemuños de distintas realidades diocesanas que coidan, acompañan e subliñan o valor da vida nos diferentes momentos vitais:
– Ayuvi e as Servas da Paixón: quen acompaña a mulleres embarazadas.
– Centro de Atención de Día (CAD): no que Cáritas atende a nenos en situacións de vulnerabilidade.
– Entreculturas: ONG da Compañía de Xesús que acompaña a persoas migrantes.
– Cafecapuchino: iniciativa da parroquia de María Nai do Bo Pastor (PP. Capuchinos) no que se atende a persoas en situación de vulnerabilidade; maiores.
– Delegación de Pastoral da Saúde: para falar sobre o acompañamento na recta final da vida.
A Xornada concluirá ás 20:30hrs. coa Eucaristía, presidida polo bispo da Diocese Mons. D. Antonio Valín.
