17 de Xullo de 2026,
Santa Marcelina

A virxe da Franqueira xa está na catedral de Tui

A virxe da Franqueira xa está na catedral de Tui
FOTO.- La imagen procesional de la virgen de A Franqueira en la catedral de Tui | © Diocese de Tui-Vigo

Desde o sábado 20 e ata o domingo 28 de xuño, a imaxe procesional da virxe da Franqueira permanecerá na catedral de Tui. Trátase dun acontecemento excepcional con motivo do Ano Xubilar que a diocese de Tui-Vigo está a vivir para celebrar o VIII centenario da dedicación da catedral de Tui. 

O sábado 20, ás 11.00 horas, a imaxe da Franqueira comezou a súa «peregrinación» no Paseo da Corredoira, ante o Seminario Menor «San Paio», onde foi recibida polo bispo, polo cabido catedral e polas autoridades civís dos concellos de Tui e A Cañiza. Durante o percorrido, no Seminario, en Porta da Pía e no pórtico da catedral, realizáronse tres paradas para orar e reflexionar. A cada paso, viandantes e veciños collían os seus teléfonos móbiles para fotografar e gravar este insólito acontecemento.

Nesta ocasión, foron os fregueses da  parroquia cañicense os que tiraron do carro da virxe polas rúas da cidade tudense, ao son das gaitas. Á súa chegada á catedral, tras a última parada para reflexionar, o organista da catedral, Joaquín Estévez, xunto cos gaiteiros, interpretaron o himno do Antigo Reino de Galicia, mentres a virxe accedía ao templo catedralicio.

A eucaristía estivo presidida polo bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, que lembrou que «cando acudimos a esta igrexa catedral, o noso corazón espónxase, porque volvemos a casa»; unha casa de portas abertas, para saír a anunciar a Boa Noticia e para acoller a todo o que chega. Ao fío desta imaxe, o prelado declarou que «aquí nos atopamos en familia, con ese Deus, coa nosa nai e con tantas testemuñas da fe que nos acompañan, como san Telmo».

«Hoxe é un día de alegría, pero tamén de compromiso. Se somos pedras vivas da Igrexa, non podemos ser pezas de museo. A Igrexa somos ti e eu. Somos homes e mulleres vivos, que sentimos, que padecemos, que nos alegramos. E con todo iso, nós formamos parte desa Igrexa que quere converter o mundo no reino de Deus, co Evanxeo», expresou monseñor Antonio Valín.

Tras a bendición, os fieis trasladáronse ata a capela das Reliquias para venerar ao beato Pedro González Telmo, patrón da diocese de Tui-Vigo. Alí rezouse tamén a oración do Xubileu do VIII centenario da dedicación da catedral.

Durante toda esta semana, a imaxe da Franqueira permanecerá no templo catedralicio. Todos os días, ás 10.30 horas, haberá rosario e meditación, seguida da misa ás 11.00 horas. Ademais, o 26 de xuño, a as 19.00 horas, na sala da rúa Camilo José Cela, o sacerdote Ángel Carnicero, delegado de Pastoral Vocacional e formador no Seminario Interdiocesano «Apóstolo Santiago», impartirá a conferencia «María, nai da Igrexa».

Finalmente, o 28 de xuño, a as 13.00 horas, celebrarase a eucaristía de despedida na catedral tudense, tras a cal a imaxe regresará ao seu fogar no santuario da Nosa Señora da Franqueira.

O 20 de abril de 2025, a Santa Sede aceptou a petición do bispo de Tui-Vigo para a concesión do Ano Xubilar particular a esta diocese con motivo do 800 aniversario da dedicación da catedral tudense. Isto comporta tamén a concesión de grazas especiais en forma de indulxencia plenaria —manifestación concreta da misericordia de Dios, que supera os límites da xustiza humana e transfórmaos—. Por iso, este ano é unha oportunidade para «volver ás nosas raíces, ao que fomos e ao que somos», para que a catedral «se converta nunha casa de portas abertas e nun hospital de campaña» e «para comprender mellor o ser Igrexa», afirmou monseñor Antonio Valín durante a inauguración do Xubileu.

La virgen de A Franqueira peregrina a la catedral de Tui | © Diocese de Tui-Vigo
« de 17 »