A virxe das Dores de Cabral xa loce un renovado conxunto de vestiduras, grazas á colaboración entre o Concello de Vigo e a diocese tudense que posibilitou a súa restauración. O acto de presentación, que tivo lugar no templo parroquial de Santa Mariña de Cabral, contou coa participación da restauradora da empresa Kronos en Madrid, Mónica Namorado, o alcalde da cidade, Abel Caballero, e o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín.
Durante esta presentación, a restauradora Mónica Namorado explicou o estado no que se atopaba a peza, cuxos principais danos residían no tecido de velludo do manto que presentaba múltiples perdidas e rachos. Para a súa restauración, foi necesario eliminar os depósitos de sucidade entre fibras e decoración, aliñar e humidificar as fibras, así como consolidar as zonas máis débiles e fixar as zonas do bordado que estaban soltas.
Tras as explicacións técnicas do proceso de restauración, a coral Alborada de Cabral, dirixida por Miriam Fritiría, interpretou tres pezas marianas, incluído o himno á virxe. Santiago Vega, delegado de Patrimonio e Arte Sacro de Tui-Vigo, subliñou a importancia de «contar coa música, posto que forma parte do patrimonio inmaterial e de modo particular os himnos á virxe que se van pasando de xeración en xeración».
O alcalde Abel Caballero manifestou que «isto é máis que un acto simbólico», pois foi froito da xenerosidade dunha persoa que realizou unha doazón que acompañou a Cabral e a Vigo, durante máis dun século. Así, expresou o seu desexo de «defender a tradición, o patrimonio, o que significan cada un destes templos que temos na cidade —algúns con máis de 800 anos de historia—… Que estaremos permanentemente apoiando para que nadiña de nada do noso patrimonio se deteriore».
Pola súa banda, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, agradeceu a colaboración e o traballo de todos os axentes implicados neste proceso de restauración. Así, destacou que «poñer en valor o noso patrimonio e a nosa historia axúdanos a darnos conta do que temos. Somos herdeiros dunha longa tradición, dun traballo que fixeron outros, pero que supón, tamén, a responsabilidade de mantelo e transmitilo aos que veñen detrás».
Este proxecto forma parte do convenio marco entre o Concello de Vigo e a diocese de Tui-Vigo para o mantemento, conservación, restauración, difusión e divulgación do patrimonio cultural, histórico e artístico de titularidade eclesiástica situado no ámbito municipal de Vigo, asinado o 15 de maio entre o alcalde Abel Caballero e o bispo emérito Mons. Luís Quinteiro. Así, o concello vigués financiou a restauración desta peza, o que supuxo un investimento de 24.175 euros.
Doado por Francisco Alonso Carrera, veciño de Cabral, en 1903, o conxunto de vestiduras da Virxe dos Dores —manto, saia e corpiño— é obra do taller que dirixiu o artista Juan Manuel Rodríguez Ojeda (Sevilla, 1853 – 1930) un dos máis prolíficos da súa época cuxos traballos chegaron a numerosos puntos da xeografía española —destacan o manto “camaronero” da virxe da Esperanza Macarena ou a túnica “persa” de Jesús do Gran Poder—. A súa creatividade levou a ser considerado un revolucionario da estética da Semana Santa sevillana e, por tanto, do resto de Andalucía e numerosos puntos da xeografía española, pois definiu un característico estilo que aínda segue a ser referencia na actualidade.