Cada 16 de xullo, A Guarda volve a mirada cara ao mar para poñer baixo a protección da nosa señora do Carme a vida de quen vive del. Unha tradición profundamente arraigada nesta vila mariñeira que, un ano máis, congregou a centos de fieis nunha celebración marcada pola oración, a emoción e o recordo agradecido de quen xa non regresaron do mar.
Desde a igrexa parroquial de Santa María, partiu, ás 11.30 horas, a procesión coa imaxe da virxe do Carme rumbo ao porto, onde se celebrou a eucaristía. Ao longo do percorrido, veciños e visitantes acompañaron á patroa dos mariñeiros, mentres varios nenos e nenas da parroquia guardesa que este ano recibiron a Primeira Comuñón participaron tamén no cortexo procesional, dando un fermoso testemuño dunha devoción que pasa de xeración en xeración.

Abrindo a procesión avanzaba a cruz floral que, ao finalizar a celebración, foi ofrecida en memoria de todos os mariñeiros falecidos, converténdose nun dos símbolos máis significativos desta festa.
No porto, convertido por unhas horas nun gran templo ao aire libre, o bispo de Tui-Vigo e promotor de Stella Maris en España, monseñor Antonio Valín, presidiu a eucaristía, acompañado por sacerdotes da zona e por unha ampla representación da comunidade parroquial. Á celebración asistiron tamén autoridades civís e militares, que quixeron sumarse a unha das festividades máis emblemáticas da Guarda.
Durante a homilía, o prelado expresou que a festividade do Carme «non celebra simplemente unha advocación máis a María», senón que convida a poñer o corazón en «toda a xente do mar». Neste sentido, evocou a «tantos homes e mulleres que, ao longo da historia, saíron a faenar a un mar moi fermoso, pero tamén cruel», e tivo un recordo especial para as familias que permaneceron en terra «esperando o sustento e tamén o regreso dos seres queridos; ás veces, co corazón nun puño, porque non sempre volvían, ou non volvían como querían».

Tal e como explicou monseñor Antonio Valín, esta realidade do mar, fermosa e cruel, cargada de contrastes e sentimentos tan dispares, forman parte da devoción á virxe do Carme, que se converte así no «noso amparo, o noso faro e a nosa guía». «María é aquela que sempre está connosco esperando. Por iso, hoxe honrámola desde o fondo do noso corazón e do noso agarimo», afirmou.
Concluída a misa, a imaxe da virxe foi porteada ata a beira do mar, onde tivo lugar un dos instantes máis sobrecolledores da xornada: a ofrenda floral en recordo de todos os mariñeiros falecidos. A cruz de flores, que precedera á imaxe durante toda a procesión, foi depositada no mar como signo de gratitude, esperanza e memoria agradecida cara a quen atopou nel o seu lugar de traballo e, en ocasións, tamén o do seu último descanso.
Entre o silencio respectuoso dos asistentes e a oración compartida, A Guarda volveu expresar unha fe que forma parte da súa identidade. Unha celebración que transcende o calendario festivo para converterse, ano tras ano, no encontro de todo un pobo coa súa historia, coas súas raíces e coa virxe do Carme, nai e protectora da xente do mar.
A Igrexa celebra cada 16 de xullo, festividade da virxe do Carme, o Día das Xentes do Mar, unha xornada dedicada a recoñecer a contribución de mariños, pescadores, traballadores portuarios e de toda a comunidade marítima, así como a promover a oración e o compromiso coas súas necesidades humanas, sociais e espirituais. Neste ano 2026, a xornada celébrase baixo o lema «María, nai mariñeira, fai de nós unha barca aberta a todos».