9 de Agosto de 2026,
Santa Teresa Benedicta de la Cruz

A visita da virxe da Franqueira a Tui

A visita da virxe da Franqueira a Tui

A semana do 20 ao 28 de xuño foron xornadas intensas de grande manifestación de homenaxe á Virxe da Fonte da Franqueira na catedral de Tui. Con motivo dos 800 anos da súa dedicación e no marco do xubileo concedido pola Sede Apostólica, o cabido catedralicio solicitou ao santuario da Franqueira, que a imaxe procesional da Nosa Señora poidese peregrinar á Igrexa nai da nosa Diocese.

O sábado 20, ás 11:00 da mañá, o carro procesional e a imaxe da Virxe coas mellores galas estaba diante da porta do Seminario Menor. Ao seu carón devotos e devotas, O Sr. Bispo D. Antonio, Coengos do Cabido Catedral, os Srs Alcaldes dos concello de Tui e A Caniza, Os Folieiros de Lavadores para por o toque musical. Nas tres estacións que se fixeron se tiveron palabras de pregaria e agradecemento á Nosa señora, peregrina da fe, que camiña connosco. O paseo da Corredoira foi un escenario magnífico que quedou resaltado coa presenza da Virxe María. Con calma, chegados á Porta da Pía, das antigas murallas, lembráronse as verbas do papa León na visita á Almudena, cantado entramos na cidade antiga. Na porta da catedral léronse as palabras do papa no santuario de Monserrat. E ao son do himno do Antigo Reino de Galicia, coas gaitas e a órgano, magníficamente tocado por D Xoaquín, entra triunfante a Virxe da Fonte da Franqueira.

O Sr Bispo preside a Misa e lembra que agora estamos todos na casa. A catedral é o fogar de todos, e estando a Nai, a Virxe da Franqueira, estamos todos. Un fogar de portas abertas, acolledor e dispostos a saír ao encontro de todos.

O carro procesional, rodeado de fotografías da Franqueira, estivo colocado diante do retablo da Expectación, quedando á vista de todos esta peza única e emblemática da nosa devoción.

Durante a semana, ás 10:30 da mañá, rezouse o Santo Rosario. Acompañado de cantos e breves peticións, recolléronse as inquedanzas dos fieis que de forma constante asistiron a esta pregaria e a Misa. Cada día unha breve meditación debullou distintos aspectos da devoción mariana, en concreto, a relación da Virxe como Nai da Igrexa e na súa advocación da Franqueira.

Durante a semana estiveron rezando ante a Virxe un grupo de Fillas da Caridade de S Vicente de Paúl que forma o Consello provincial e que estaban de exercicios espirituais na Casa da Milagrosa, deixaron o seu labor na protección da Raíña da Paradanta.

Nesa semana tivo lugar as Xornadas de Patrimonio organizadas pola Conferencia Episcopal Española, e os participantes tamén foron quen de contemplar a nosa patroa no centro do coro catedralicia e renderlle a súa homenaxe.

Neses días quedou engalanada a nave da Catedral cunha obra artística titulada relicario. Unha fermosa obra que enmarcaba se cabe a presenza da imaxe da Virxe.

No venres participou na celebración a comunidade de Hermanitas da Residencia San Telmo coun grupo de residentes que camiñaron ata catedral e rezaron con moito cariño á Virxe.

No venres 26, ás 7 da tarde, D. Angel Carnicero, formador do Seminario interdiocesano e Delegado de Vocacións, impartiu unha conferencia titulada “A Virxe María, Nai da Igrexa”. Foi percorrendo de xeito marabilloso os distintos aspectos que reflicten á María de Nazaret como modelo da vida de todo crente e imaxe perfecta da Igrexa. Unha hora de reflexión intensa que adentrou aos oíntes na figura de maría como resposta agradecida e agraciada que debemos sermos todos os chamados á fe.

No sábado 27 peregrinaron  á catedral as parroquias do Rocío de Vigo e as das Neves e Santiago de Ribarteme. Encheron a catedral de cantos e ledicia co desexo de renovar no seus corazóns ser pedras vivas no templo do Señor polo Espírito.

A clausura deste días foi o domingo 28 coa Misa das 13 horas e a catedral completamente chea. Unha celebración presidida polo Sr. Deán da Catedral D. Xosé Diéguez e que nos lembrou a relevancia da devoción á Virxe na Franqueira desde hai séculos e a súa presenza na diocese.

Damos as grazas a todos os que fixeron posible esta manifestación de amor á Nosa Virxe da Franqueira e poder pola máis preto dos seus fillos e fillas. Graciñas a todos.

Javier Alonso Docampo, reitor do santuario da Nosa Señora da Franqueira