A delegación de Stella Maris da diocese de Tui-Vigo organiza a II edición do Torneo de Nadal de fútbol sala que terá lugar no pavillón do Berbés, o domingo 17 de decembro, de 9 a 14 horas. As persoas interesadas en participar poden inscribirse enviando un correo electrónico a direccion@stellamarisvigo.com, co seu nome e teléfono móbil, antes do 15 de decembro.
Tras o éxito da primeira edición no que participaron medio centenar de persoas de diferentes nacionalidades —españois, senegaleses, peruanos ou indonesios, entre outros—, a delegación diocesana de Stella Maris impulsa de novo esta iniciativa co obxectivo de mesturar tripulantes con traballadores do porto, a través dunha actividade divertida que ofreza un pouco de lecer aos mariñeiros que, durante estas datas permanecen na cidade de Vigo, sós, lonxe dos seus fogares. Tal e como explica o equipo de traballo, «o fútbol é un deporte que lle gusta a todo o mundo e, sobre todo, é un deporte en equipo que permite interactuar, socializar».