O martes, 8 de decembro, o nuncio apostólico da Santa Sé en España, Bernardito Cleopas Auza, presidiu a celebración eucarística de acción de grazas polo título de Basílica Menor á Concatedral de Vigo, que o bispo de Tui-Vigo, Luís Quinteiro, solicitaba o 28 de novembro de 2019 e que o papa Francisco concedía o pasado 14 de xullo de 2020.
Xunto ao nuncio e ao bispo, concelebraron o actual párroco da Concatedral-Basílica, Moisés Alonso, o vigairo parroquial, Ramón Pena, o vigairo xeral, Juan Luís Martínez, o vigairo de pastoral, José Vidal, o chanceler, Manuel Lage, e o secretario do bispo, Sebastián Castro.
Á cita, cuxo #aforo se viu reducido debido ás restricións de hixiene estipuladas polas autoridades sanitarias, acudiron diversas personalidades públicas entre elas, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
Ao comezo da celebración, o chanceler da Diocese, Manuel Lage, procedeu á lectura do decreto expedido pola Congregación do Culto Divino e a Disciplina dos Sacramentos da Santa Sé.
Tal e como explicou o nuncio apostólico, Bernardito Cleopas Auza, trátase dun título concedido a poucos templos en todo o mundo, que contribúe a intensificar o vínculo de unión entre a Igrexa diocesana e a Igrexa en Roma, e que, ademais, pon de manifesto o valor significativo do templo pola súa acción litúrxico-pastoral, a súa historia e a súa cultura.
Coa adquisición deste novo título, a Igrexa Concatedral-Basílica de Santa María en Vigo, convértese así nun espazo de referencia para a Diocese, tanto no referente ao culto, como na formación dos seus fieis.