O domingo 7 de xullo, a as 18.00 horas tivo lugar na catedral tudense, a misa de acción de grazas que a diocese de Tui-Vigo organizou, para agradecer «os beneficios espirituais recibidos» durante os 14 anos que durou entre nós o episcopado de Mons. Luís Quinteiro Fiuza, agora administrador apostólico da diocese ata a toma de posesión do novo bispo electo.
Nunha carta enviada a todos os sacerdotes, a Vigairía Xeral expresaba que, a este «emotivo momento de encontro e gratitude», convocábase a «todo o pobo de Dios que peregrina na diocese de Tui-Vigo: sacerdotes e diáconos, vida relixiosa e consagrada, axentes de pastoral, persoas pertencentes a movementos e, en definitiva, todo o pobo fiel que pon rostros a esta Igrexa». Ademais, tamén se convidou aos fieis para seguir acompañando «a D. Luís Quinteiro, xa bispo emérito, co noso afecto e oración e pedimos á santísima Virxe María e a santo Telmo que o continúen asistindo no servizo á súa Igrexa e á nosa diocese».
Ao final da emotiva e concorrida celebración fíxose entrega a don Luís dun retrato seu ao óleo realizado por Arístides Artal, artista da afamada familia de excelentes pintores. Tamén se indicou que, ao concluír as obras do Museo catedralicio, faráselle entrega dun busto de don Luís, en bronce, como recoñecemento á súa dedicación e xestión das tarefas de restauración e recuperación das obras no citado museo e a catedral.
O pasado 25 de maio, a Nunciatura Apostólica en España deu a coñecer o nomeamento que será o novo bispo de Tui-Vigo: o sacerdote ribadense, D. Antonio Valín Valdés, ata ese momento vicario xeneral da diocese de Mondoñedo-Ferrol. A ordenación episcopal e toma de posesión está prevista para o sábado 20 de xullo, ás 11.00 horas, na catedral de Tui.