Con motivo do Oitavario pola Unidade dos Cristiáns, a delegación de Ecumenismo e Relacións Interconfesionais da Diocese de Tui-Vigo celebrará un acto ecuménico no que estará presente o bispo, Luís Quinteiro Fiuza. Será o vindeiro xoves, 21 de xaneiro, ás oito e media da tarde, na igrexa dos irmáns capuchinos, María Nai do Bo Pastor, situada na rúa Vázquez Varela de Vigo.
Hoxe, luns 18 de xaneiro, comeza a semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns, unha cita que cada ano convoca o Pontificio Consello para a Promoción da Unidade dos Cristiáns e a Comisión Fe e Constitución do Consello Ecuménico de Igrexas, co obxectivo de rezar por unha maior unidade e colaboración entra as diferentes Igrexas presentes no mundo.
No acto, que se celebrará en Vigo, participarán os representantes das diferentes realidades eclesiais que conviven na Diocese: Luís Quinteiro, bispo de Tui-Vigo; Faustino García, pai capuchino e delegado diocesano de Ecumenismo e Relacións Interconfesionais; David Junquera, pastor evanxélico; Javier Alonso, presbítero anglicano; e Damaso Couto, patriarca ortodoxo.
A participación de católicos, evanxélicos, anglicanos e ortodoxos en Vigo constitúe unha oportunidade para crear unha maior unidade no medio da diversidade destas confesións nun acto que, cada ano, tiña lugar nunha igrexa diferente da cidade para sensibilizar achega do ecumenismo pero que, nesta ocasión, quedará no templo católico dos capuchinos debido ás restricións estipuladas para frear a pandemia. Neste sentido, o aforo estará restrinxido a un terzo da capacidade máxima do templo e os asistentes deberán seguir as normas de distanciamento social e hixiene en todo momento.