19 de Abril de 2025,
San León IX

«Ágora» finalizou o curso académico coa participación de noventa persoas

«Ágora» finalizou o curso académico coa participación de noventa persoas
FOTO.- El obispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, entrega el diploma a uno de los alumnos de «Ágora» | © Noelia Reyes

O mércores 9 de abril, no salón de actos do seminario vigués, o Centro Teolóxico «San Xosé» de Vigo clausurou o curso de «Ágora: Escola de Teoloxía, ministerios e servizos», no que participaron noventa persoas —segrares e membros de vida consagrada—. O acto contou coa asistencia do vigairo de Pastoral, José Vidal, o secretario de «Ágora», Juan Carlos Alonso, e o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, que entregou o diploma que acredita a asistencia e a formación recibida durante este curso 2024-2025.

Tras finalizar o plan de estudos trienal de «Ágora: Escola de Teoloxía, ministerios e servizos», o pasado mes de outubro comezaba un novo ciclo de estudos coa participación de corenta e dúas persoas. A maiores, cincuenta e oito persoas das “graduadas” no ciclo anterior especializáronse en Catequética e Voluntariado.

© Noelia Reyes

PPreviamente á entrega de diplomas, o prelado tudense, subliñou a importancia dunha «formación integral que non ensine simplemente teoría, senón que nos anime a escoitar, abrirnos, discernir e facer unha lectura teolóxica da realidade», seguindo as directrices do documento final do Sínodo dos Bispos «Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación e misión». Neste sentido, expresou que a formación é necesaria «non para convencer, senón para dar razón da nosa esperanza».  

José Vidal, vigairo de Pastoral da diocese de Tui-Vigo, agradeceu a participación de todos os alumnos e alumnas que desexan profundar na Teoloxía e na fe cristiá a través da «Ágora». Tamén destacou a perseveranza e o entusiasmo de quen, ao concluír o ciclo de formación trienal, solicitaron continuar especializándose nos ministerios de Catequética e Voluntariado. 

No ano 2021, a escola diocesana de formación Ágora, que funcionou desde o 2008, redefiniuse como unha escola de Teoloxía, ministerios e servizos, cuxo obxectivo é formar a todas as persoas que queiran profundar nos seus coñecementos teolóxicos e, de maneira específica, a aquelas persoas que realizan, ou desexan realizar, algún servizo ou ministerio dentro da comunidade cristiá —persoas que exercen o acolitado, o lectorado, a animación litúrxica, o voluntariado, etc., así como catequistas ou outros axentes de pastoral—. O plan de estudos da escola, que é trienal, componse de 12 materias de introdución á Teoloxía, repartidas en tres cursos e catro liñas específicas de formación: Lectorado, Acolitado, Catequese e Voluntariado.