O pasado 30 de agosto faleceu en Valladolid a jesuitina CARMEN LÓPEZ ARJONA, coñecida en Vigo como “a monxa dos xitanos”. Un grupo de amigos organizou para mañá venres 6 de setembro unha agradecida misa funeral, ás 8 da tarde na parroquia de San Francisco Xavier (Xesuítas) na véspera do seu 93 aniversario.
Carmen López vivía desde hai catro anos nunha residencia de relixiosas en Valladolid onde faleceu, vivindo case 40 anos na comunidade de Fillas de Xesús de Vigo e máis de 20 na da Coruña.
Mestra de profesión entrou na Congregación das “Fillas de Xesús” no ano 53, e tras varios destinos, chegou a Galicia, para ser profesora de EP no colexio das xesuitinas de Barreiro (Vigo). Distinguiuse especialmente pola súa entrega total á etnia xitana. Coa súa tenacidade e tenrura foi capaz de conquistar a profesoras, amizades e novos voluntarios para dar apoio a menores xitanos fóra do horario escolar.
Nuns locais parroquiais da colexiata, puxo en marcha na Zona vella a “Escola Ponte”, que serviu como paso previo á escolarización regular de moitos xitanos. Carmen encargábase tamén da xestión dos DNI, dos cursos do carné de conducir, do acceso a vivendas dignas para as familias máis vulnerables e mesmo organizaba campamentos e actividades para menores e mozos e mozas buscando a comunicación e a integración.
A nai Carmen se desvivía por “os seus xitanos”, como adoitaba dicir. Traballou desde Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, sumando así a decenas de mozas e mozos universitarios voluntarios, e anos máis tarde, desde o creado Secretariado Xeral Xitano.
Tiña autorización do Delegado de Educación para visitar os colexios e facer seguimento ao alumnado de etnia xitana. Con tesón logrou a práctica erradicación das chabolas en concreto a de Hispanidade e a integración en vivendas por diferentes lugares de Vigo. Para iso Carmen pisaba tanto o barro dos poboados como as moquetas dos despachos dos servizos sociais. Por todo isto o concello de Vigo nomeouna “Viguesa distinguida” en 1995 e o Secretariado xitano outorgoulle en 2017, o premio “solidariedade G”, “por toda unha vida de compromiso dedicada a impulsar a promoción das persoas xitanas e mellorar as súas condicións de vida”.
Os amigos que a coñeceron, aseguran sen rubor que Carmen foi unha desas santas “da porta de á beira”, que di o papa Francisco. Si, ela pasou por Vigo facendo o ben e facéndoo moi ben. Grazas, Carmen polo teu testemuño silencioso e eficaz. Descansa na paz.