Entre o 23 e o 26 de xuño, no centro cultural de Albeos —próximo á igrexa parroquial—, a parroquia de San Xoán Bautista e San Paio de Albeos organiza un amplo programa de actividades lúdicas, formativas e espirituais para celebrar o 1100 aniversario do martirio do mozo san Paio, que, sendo natural desta parroquia, sufriu martirio con tan só 13 anos por defender a súa fe católica.
O luns 23 de xuño, farase a presentación dos poemarios «En tus manos» e «Terriña», escritos por monseñor Gilberto Gómez, bispo de Abancay (Perú) e natural de Albeos . Ao día seguinte, 24 de xuño, representarase a obra teatral escrita por Carmen Varela, «As desterradas», que recrea o final do mosteiro de Albeos e o desterro da comunidade de monxas a Compostela. Ambos os encontros, darán comezo ás 19.00 horas.
O mércores 25 de xuño, haberá dúas conferencias histórico-artísticassobre o mosteiro de Albeos : a primeira titulada «Mosteiro do Divino Salvador: unha xoia medieval a conservar», ás 18.00 horas, a cargo de profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Marta Cendón Fernández; a segunda, «En fuga e con preitos: a última abadesa de Albeos», impartida polo profesor da USC, Camilo Fernández Cortizo.
Finalmente, o 26 de xuño, festa na honra a san Paio, os actos comezarán ás 12.00 horas coa eucaristía solemne presidida polo bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, no templo parroquial de Albeos . Pola tarde, o centro cultural de Albeos acollerá, ás 19.00 horas, o relatorio do profesor Domingo Luís González Lopo, «Historia, devoción e culto de San Paio de Albeos» e, ás 20.00 horas, proxectarase o documental «San Pelagio», sobre a vida e martirio deste santo natural da diocese tudense.
San Paio naceu ao redor do ano 911-912 en Albeos (Crecente). Era sobriño do bispo de Tui, Hermoigio, que foi capturado por Abderramán III (primeiro califa de Córdoba, 922) tras a derrota do rei Ordoño II na batalla de Valdejunquera . A liberdade do bispo foi cambiada por algúns reféns entre os que se atopaba o seu sobriño Paio, que contando con dez anos estivo en prisión tres anos e uns meses ata que finalmente foi martirizado ao negarse a converterse á relixión musulmá e por non ceder ás peticións de Abderramán III, fixándose o seu martirio o 26 de xuño do ano 925.