«O Señor mesmo reúnenos para formar comunidade, non calquera comunidade, senón unha comunidade de crentes que se apoian mutuamente». Este é un fragmento do diálogo que o papa León XIV mantivo con varios mozos e mozas, durante a vixilia de oración do Xubileu da Mocidade en Tor Vergata, Roma. Máis de cincuenta mozos e mozas da diocese de Tui-Vigo participaron neste encontro, como esa comunidade de crentes que, entre o 27 de xullo e o 7 de agosto, peregrinaron ata a cidade eterna para vivir o intenso encontro co santo padre, acompañados por dous sacerdotes diocesanos, Samuel Montes e Jesús García.
Pensar que eses cincuenta e cinco mozos e mozas coñecíanse antes de emprender a viaxe é un erro. Algúns, si coincidiran noutras actividades organizadas pola delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria da diocese de Tui-Vigo. Con todo, a maioría sumábase, por primeira vez, a unha experiencia deste calibre que, como as Xornadas Mundiais da Mocidade, supoñen dar un salto ao baleiro, saír da zona de confort, para descubrir que existen millóns de mozos e mozas en todo o mundo que profesan a fe católica. Por iso, aquel domingo 27 de xullo, o autobús que saíu de Vigo rumbo a Roma bulía con miles de nervios, expectativas e desexos postos nunha peregrinación, cuxos froitos ninguén podía aínda imaxinar.
Para Javier Mallo, que estuda no colexio Carmelitas Vedrunas, un dos momentos máis fortes da peregrinación foi vivir en Tor Vergata: «estabamos miles de mozos, con calor, cansazo, condicións difíciles… e, aínda así, tiñamos sempre un sorriso na cara. Ninguén se queixaba. Todo era gratitude, alegría, unidade. Nunca vivira algo así. Sentinme en paz, de verdade. Unha paz grande, profunda, que non sentira en moito tempo». Grazas a esta peregrinación, Javier tivo a oportunidade de descubrirse orando profundamente en diálogo con Cristo e achegándose ao sacramento da Reconciliación. «Hoxe, simplemente, sei que creo en Deus, e iso bástame», expresa.
Entre millóns de mozos en Tor Vergata, non todos tiveron a oportunidade de ver de cerca ao papa León XIV, tal e como lle sucedeu a Corina Alejandra de Jesús, que estuda no colexio San Xosé de Cluny en Vigo: «a pesar de que o papa estivese lonxe, nós sentiámolo preto igual», explica emocionada. Atoparse rodeada de tantos mozos que comparten a fe en Xesús, tanto en Tor Vergata como na praza de San Pedro durante o Encontro de Españois celebrado o venres 1 de agosto, supuxo para ela un gran descubrimento: «estou super agradecida porque me sinto abraza pola Igrexa. Literalmente, é unha das mellores experiencias que puiden ter».
Aínda que algúns mozos e mozas deciden participar no Xubileu da Mocidade para ver ao santo padre de cerca, a maioría acoden buscando unha comunidade que lles axude a profundar na súa fe. Iso foi o que atopou Iago Costas, da parroquia da Inmaculada Concepción de Vigo, que descubriu que «eramos moitísimos os mozos e mozas do mundo que camiñamos na senda do Señor. Coñecín persoas de Polonia, Italia, Francia, Portugal… mesmo vin a xente de países máis afastados da órbita católica, como Turquía ou Corea». Neste sentido, afirma que volveu «con máis peso na mochila e menos na alma, satisfeito por ver que non estaba só e realizado por reencontrarse con Deus na Eucaristía e na adoración».
A delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria da diocese de Tui-Vigo valora moi positivamente esta experiencia na que todos os mozos e mozas mostraron a súa alegría e a súa boa disposición en todo momento: «non podemos máis que recoñecer a bondade de Deus que nos regalou un tempo de graza. Cincuenta e cinco mozos e mozas e dous sacerdotes que ao longo de doce días comprobamos o que supón atoparse con Cristo e sentir a Igrexa. Eucaristía, oración, perdón, adoración, fraternidade, alegría, acollida xenerosa, cultura, diversión, etc., son sen dúbida algunhas das notas coas que se podería sintetizar tanto ben recibido».
Durante esta peregrinación, os participantes puideron visitar diferentes cidades italianas no seu camiño a Roma: Milán, Florencia e Bolsena. Ademais, a viaxe iniciou cunha parada en PortAventura, en Tarragona. Durante o regreso, tamén pararon en Turín e nos santuarios marianos de Lourdes e Covadonga. En definitiva, foi unha experiencia que combinou momentos lúdicos con espazos de oración e recollemento que axudaron aos mozos da diocese para madurar na súa fe.
Concluído a viaxe, os responsables expresan que «sentimos o desexo esperanzado de poder transmitir o vivido e poñelo ao servizo dos mozos que non puideron acompañarnos nesta apaixonante experiencia de fe». Neste sentido, só se pode pedir para que estes mozos e mozas fagan súa a invitación do papa León XIV durante a homilía pronunciada na eucaristía de envío do Xubileu da Mocidade en Tor Vergata, o domingo 3 de agosto: «sigan camiñando con alegría tras as pegadas do Salvador, e contaxien aos que atopen co entusiasmo e o testemuño da súa fe».
TestemuñosXubileu da Mocidade
Javier Mallo: «Todo era gratitude, alegría, unidade. Nunca vivira algo así»
Corina A. De Jesús: «Síntome abrazada pola Igrexa»
Iago Costas: «Volvín con máis peso na mochila e menos na alma»
Mensaxes do papa León XIVdurante o Xubileu da Mocidade
A amizade con Cristo, que está na base da fe, é unha estrela polar
Papa León XIV, na vixilia de oración
Saiban ver a Xesús nos demais. A amizade pode cambiar verdadeiramente o mundo. A amizade é o camiño pola paz
Papa León XIV, durante a vixilia en Tor Vergata
Recibimos a vida gratis, sen elixila. Non somos froito da nosa decisión, senón dun amor que nos quixo
Papa León XIV, durante a vixilia en Tor Vergata
Fomos feitos para unha existencia que se rexenera constantemente no don, no amor
Papa León XIV, durante a misa en Tor Vergata
Aspiren a cousas grandes, á santidade, alí onde estean. Non se conformen con menos
Papa León XIV, durante a misa en Tor Vergata








